Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura 200 linguas e dialectos europeos, en perigo de extinción

200 linguas e dialectos europeos, en perigo de extinción

Correo-e Imprimir PDF
costa linguas

O profesor Xosé Henrique Costas critica a "narcotización" do galego que só goza de "oficialidade no no papel, pero que logo non se transforma na realidade".

"Unha lingua morre cando se extingue a comunidade que a fala ou cando esta deixa de falala". É o que pensa o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade Xosé Henrique Costas, que alertou do perigo de desaparición que corren en Europa preto de 200 linguas e dialectos.

"Están morrendo de inanición", dixo nunha conferencia que foi organizada pola Comisión PEA-Unesco na Universidade de Vigo con motivo da recente conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Uha situación na que, dixo, ten que ver moito o "lingüicidio", a ocultación dunha fala, fronte o "ecolingüismo", fomentar de que cada lingua "poida vivir con normalidade no seu propio hábitat".

Así, criticou os "moitos métodos perversos" que poden contribuír a unha "morte intencionada de moitas linguas", como "facerlles ver aos seus falantes que esa lingua non é válida, xa que con ela non poden saír da súa pequena comunidade". Deste xeito, introdúcense "dunha maneira sutil" na poboación unha serie de prexuízos que poden levar, relatou, "a que os propios pais e nais vexan que non é o bo transmitir a súa lingua natural aos seus fillos e adopten a que vén sendo a lingua do Estado".

Neste senso, Costas incidiu en que, para facer desaparecer unha fala, "xa non fai falla que persigas aos seus falantes ou o seu uso", senón que basta con "ocultala, non dándolle ningún tipo de presenza na escola, nos medios de comunicación...", dixo.

Esta situación, explicou, provoca que "das 230 linguas que hai aproximadamente en Europa, a maioría, unhas 200, estean en perigo de desaparición". Neste grupo, Costas inclúe tanto falas propias de pequenas comunidades como variantes locais de "idiomas importantes" e que, fóra do seu país de orixe, son minoritarias noutros puntos do continente, "como podería ser o caso do alemán en Italia, onde se falou desde hai moitos séculos, ou en Bielorrusia".

Neste senso, este docente alertou de que "por toda Europa hai centos de exemplos de linguas que son ocultadas a súa propia poboación, algúns deles moi próximos", e referiuse tamén á situación que atravesa o galego, un idioma que está a perder falantes entre a xente máis nova, como constatou unha recente enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE). Neste senso, alertou do proceso de "narcotización" ao que está a someter un idioma que, ao seu xuízo, só goza de "oficialidade no papel, que logo non se transforma na realidade".

O "lingüicidio" que se estaría a producir en múltiples puntos de Europa viría motivado, segundo Costas, por "múltiples factores, xa que cada lingua ou variedade lingüística ten unha circunstancia moi particular". Non obstante, este docente apuntou que existen tamén motivacións "universais", como sería o caso do "esforzo por parte dos estados por negar toda pluralidade interna, por facer coincidir fronteiras políticas con fronteiras lingüísticas a medio ou longo prazo", un intento que que atribúe en primeiro termo "a unha cuestión de mercado", posto que "se existe unha lingua minorizada e asumes o compromiso de protexela, iso supón un investimento".

Do xornal colaborador Galicia Confidencial