Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG denuncia que o goberno municipal de Gondomar desprotexe o galego.

O BNG denuncia que o goberno municipal de Gondomar desprotexe o galego.

Correo-e Imprimir PDF
bng gondomar

-O BNG de Gondomar critica que o goberno municipal non esixa unha proba de galego eliminatoria no acceso a postos de traballo no Concello de Gondomar.

-Os nacionalistas afirman que esa falla nas novas convocatorias non dá garantías de ser atendido na lingua do país.

O BNG de Gondomar emitiu un comunicado público onde critica que o goberno municipal de Gondomar non esixa que a proba de galego no acceso a dous postos no Concello teña carácter eliminatorio. O Concello de Gondomar convocou por medio do Boletín Oficial da Provincia dúas prazas temporais, unha delas de Arquitecto/a superior, en posto interino para cubrir a baixa do titular, e outra de Traballador/a social, cun contrato de 12 meses. "En ningún dos dous casos a proba de galego é eliminatoria", cuestiona a agrupación.

Para o BNG de Gondomar entende que a proba de galego no acceso a postos de traballo na Administración pública deben "esixir a demostración de competencia no uso da nosa lingua". Desde este punto de vista, a agrupación entende que as probas, ou unha parte delas, deberían realizarse en galego. En todo caso, ao BNG non lle parece correcto "que a proba de galego non teña o mesmo carácter eliminatorio có resto das probas."

Os nacionalistas argumentan que se "a proba de lingua galega, consistente nunha tradución de castelán a galego ou viceversa, sexa derradeira proba, despois de aprobar as anteriores, e que non teña carácter decisivo na realización das probas, réstalle utilidade, converténdoa nun mero trámite que non ten ningún tipo de validez."

Para o BNG este feito impide comprobar que as e os aspirantes estean en condicións de "atender ás veciñas e os veciños na nosa lingua que, en Gondomar, segue sendo maioritaria entre as persoas adultas, polo que non se garante o noso dereito a sermos atendidos no noso idioma."

Por outro lado, o BNG cuestiona a brevidade dos prazos establecidos de "dez días naturais, uns prazos especialmente curtos que non favorecen que as persoas interesadas poidan acceder a esta oferta. Prazos tan reducidos préstanse a que acaben por presentarse soamente as persoas que teñen a fortuna de seren avisadas."