Martes, 14 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Paradores rebaixa o soldo dos traballadores e aplica unha morea de recortes cun ERE asinado en Madrid.

Paradores rebaixa o soldo dos traballadores e aplica unha morea de recortes cun ERE asinado en Madrid.

Correo-e Imprimir PDF
paradorBaiona

-Rebaixas salariais, ameazas de despedimentos e máis EREs no Parador de Baiona e no resto do país para o 2013.

- Todas estas medidas comezarán a rexer a partir desta xornada logo da sinatura dun acordo este mércores 3 de xaneiro en Madrid entre dirección e traballadores, que evitou que se impuxera un expediente orixinal con maiores afectacións.

Os traballadores do Parador de Baiona perderán entre un 0,5 a un 2% dos seus salarios base por mor do ERE que levará adiante a dirección de Paradores de Turismo. Os dez despedimentos que nun inicio afectarían ao establecemento quedarán en suspenso ata o vindeiro 16 de xaneiro cando a empresa reasigne os 350 previstos a nivel nacional. Por riba tamén podería afectarlles un ERE temporal que aplicará a dirección a 400 contratos en toda España cunha rebaixa do 25% da xornada laboral. A iso súmase a perda do complemento salarial por obxectivos e a eliminación de dous días de licenza por "asuntos propios" que establecía o convenio laboral.

A maiores, o Comité Intercentros quedou coa "incerteza da continuidade de Paradores como Empresa Pública", segundo afirmou Jorge Carneiro, representante dos traballadores.

Logo dun mes de negociacións os traballadores obtiveron unha rebaixa sensible do número inicial de despedimentos, pasando dos 644 orixinais a 350. Tamén evitouse o peche de establecementos con carácter definitivo ou parciais definitivos.

Despedimentos: 350 traballadores engrosarán as cifras do paro tras o ERE de Paradores.

O Expediente de Regulación establece o despedimento de 350 empregados de Paradores de Turismo en toda España. Ata o vindeiro 16 de xaneiro se abre un prazo para aqueles que queiran acollerse voluntariamente ao expediente de regulación, cunha idemnización mellorada da establecida na actual Lei de flexibilización laboral, que establecerá por despedimento un equivalente a 25 días de salario por ano de servizo, ata un máximo de 20 mensualidades. Logo do 16 de xaneiro, unha comisión de seguimento paritaria (traballadores - empresa), recibirá o informe das baixas voluntarias e procederá a estudar os despedimentos restantes.

" A día de hoxe non temos definido cantos dos 350 despedimentos corresponde aos Paradores de Galicia- sinalou Jorge Carneiro- pero entendemos que o número inicial de 85 débese reducir. Este tema non quedará definitivamente definido ata que remate o período que abrimos para as adhesións voluntarias", adiantou.

Neste senso, estímase segundo sondaxes entre os diversos comités de empresa que o número aproximado de expedientes voluntarios podería roldar próximo aos 80.

Por si fora pouco: ERE temporal para 400 traballadores máis e outros recortes .

Outra medida adicional é a suspensión de contratos e reducións de xornada mediante un ERTE que afectará a 400 traballadores, aos que se lle aplicará unha redución do 25% da xornada de traballo. Unido a todas estas medidas que están directamente relacionadas co emprego, acordáronse outras relacionadas co Convenio Colectivo e que son as seguintes:

- Aplicación dunha flexibilidade interna consistente na posibilidade de sinalar as quendas, horarios e descansos de cada traballador ou traballadora cun mes de antelación. Medida que nun principio non incluía esta última condicionante segundo fontes sindicais e que fóra revertida nas negociacións.

- Eliminación do complemento por incapacidade temporal

- Eliminación dos dous días de licenza por asuntos propios que establece o Convenio.

- Redución do salario base e do total do persoal nas seguintes porcentaxes:

Ata 14.000 € brutos anuais de salario base: redución do 0,5% . De 14.001 a 20.000 € brutos anuais de salario base: redución do 1% do salario base. De 20.001 a 40.000 € (correspondentes a xerencias ou dirección) brutos anuais de salario: redución do 2%. A partir de 40.001 € brutos anuais de salario base (dirección Madrid) : redución do 3%

-Supresión o complemento salarial por obxectivos.

-Elaboración dun código de boas prácticas internas de aplicación para o conxunto de traballadores e directivos.

Peches parciais de establecementos en Galicia

"O que si puidemos eliminar, son as pechaduras tanto definitivas como parciais definitivos", sinalou Carneiro. O acordo neste aspecto concrétase en 10 Paradores que pecharán por vacacións do persoal, entre os que se atopa no caso de Galicia o de Monforte. Haberá seis que pecharán por un período de 3 meses durante os tres próximos anos, sendo en Galicia os de Santo Estevo e Tui. E finalmente oito por 4 meses durante os tres próximos anos e que en Galicia serán Verín e Vilalba, este último pechará só o anexo.

Aos traballadores destes establecementos aplicaráselles un ERTE que afectará ao período total da pechadura menos o que corresponda de vacacións e festivos.

A todo isto únese o cambio de modelo de oferta gastronómica, mantendo o servizo de almorzo e cafetería e unha oferta adaptada á demanda, que se concreta na pechadura do comedor en 16 Paradores. En Galicia veranse afectados os de Ferrol, Monforte e Tui.

Sabor "agridoce" das resultas da negociación e incerteza sobre o futuro público de Paradores.

Os traballadores quedan cun sabor "agridoce", sinala Jorge Carneiro por non ter conseguido o seu obxectivo de "despedimento cero", co que abordaron as negociacións coa dirección. Nembargante, salienta o feito de conseguir reducir de forma considerable o número de despedimentos (de 644 a 350 e coa posibilidade que un número destes sexan por adscrición voluntaria) e, no caso das pechaduras por tempada, que estes non fosen definitivos e que o persoal non vise modificada a súa condición de fixos a tempo total en fixos discontínuos.

Iso si, " no que se refire ao futuro" de Paradores de Turismo, destacou o representante sindical, este proceso fixo medrar a "a incerteza da continuidade de Paradores como Empresa Pública."