-O Parador só terá dous traballadores por quenda durante a ponte do 12 de outubro, que só atenderán seguridade e mantemento.
-A folga se desata trala aplicación retroactiva do DL 20/2012 por parte de Paradores na nómina de setembro, que o sindicato entende como "ilexítima".
-O conflito afecta a toda España.
O Parador de Turismo Conde de Gondomar (Baiona) enfrontará unha convocatoria de folga xeral convocada polo Comité Intercentros para os vindeiros días 12 e 13 de outubro. A medida foi ratificada esta mañá polo comité de persoal do Parador de Baiona nunha asemblea dos traballadores co respaldo das centrais CCOO, UGT e CIGA. A detención total de actividades foi resolta logo que os traballadores recibiran descontos retroactivos ao mes de xaneiro, nas súas nóminas de setembro pola aplicación da suspensión da paga de Nadal. O comité entende que os devanditos descontos son ilexítimos, no senso que eles pertencen a unha sociedade anónima e non forman parte do Estatuto de Funcionario Públicos de España, afectado polo DL 20/2012 utilizado como fundamento dos descontos por parte de Paradores.
A folga, que se levará adiante na maioría dos establecementos de Paradores Nacionais, en Galicia afectará ademais de Baiona aos de Tui, Pontevedra, Cambados, Verín, Sto. Estevo, Monforte, Vilalba, Ribadeo e Ferrol, cun total de 400 traballadores aproximadamente.
A asemblea de traballadores do Parador Conde de Gondomar, decidiu esta mañá cumprir cun servizo mínimo de dúas persoas por quenda os días venres e sábado. As mesmas cubrirán os servizos de seguridade e mantemento, segundo informou o sindicato.
Os traballadores ten convocada unha concentración ás portas da fortaleza entre as 11 e as 13 horas do venres, mentres que un piquete informativo do comité de persoal encargarase de explicar a clientes e viandantes os por que da medida durante os dous días de folga. Fontes sindicais aseguraron a este medio que vixiarán que a dirección da empresa non faga contratacións "ilexítimas" de persoal para cubrir os servizos.
As causas do conflito
O conflito ten por orixe a aplicación do desconto da paga extra de Nadal por parte de Paradores aos traballadores, sinalou o comité. Dita paga é recibida parcialmente durante os doce meses do ano. O día 19 de setembro, a dirección de Paradores comunicou ao Comité Intercentros a decisión de aplicar o recorte da paga como ordena o DL 20/2012. A medida foi aplicada en forma retroactiva e os traballadores recibiron un desconto xa na nómina de setembro que será complementado con iguais descontos ata fin de ano.
Xunto con esta medida, segundo informou Jorge Carneiro (Membro do Comité Intercentros e Secretario do Comité de Empresa do Parador de Baiona), Paradores tamén reduciu de 40 a 16 horas a dedicación de horas sindicais, equiparando aos sindicalistas de paradores á mesma situación cos dos funcionarios do Estado.
Esta serie de medidas, levou a que en varias nóminas os descontos no mes de setembro chegaran aos 230 euros, sinalou Carneiro.
O sindicato entende que a aplicación do DL 20/2012 é ilexítima, no senso de que os traballadores de paradores non forman parte do Estatuto dos funcionarios públicos. "Proba diso é que só nos aplicaron estas dúas medidas, de tódalas que prevé a norma", advertiu Jorge Carneiro.
O representante sindical agregou que o comité tamén desatou o conflito pola actitude da patronal que leva tres anos "dando largas" á sinatura do convenio colectivo do sector.
Neste marco o Comité Intercentros, que tivo a súa xuntanza nacional no día de onte, adiantou que xa quedaron convocadas xornadas de folga nos Paradores de Turismo tamén para os días 2 e 3 de novembro, 7 e 8 de decembro e 31 de decembro e 1 de xaneiro.