Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona O ERE de Paradores de Turismo despide a 10 membros da plantilla de Baiona e modifica as condicións laborais doutros 64.

O ERE de Paradores de Turismo despide a 10 membros da plantilla de Baiona e modifica as condicións laborais doutros 64.

Correo-e Imprimir PDF
parador folga


-A dirección de Paradores de Turismo anunciou este martes, entre outras medidas de recortes o despidta de 10 traballadores en Baiona.

-O comité de persoal convoca a tódolos veciños do Val Miñor a acompañar as mobilizacións previstas durante a folga convocada para os vindeiros venres e sábado en Baiona.

-O ERE plantexado pola empresa estatal conta co visto e prace do ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, quen afirmou que de non facelo Paradores entrará en "situación concursal  y de suspensión de pagos".

-O parador de Tui terá un peche temporal de 5 meses e os traballadores pasarán ao paro durante 4.

A dirección de Paradores de Turismo acaba de dar a coñecer o documento do  ERE que suporá, ademais doutras medidas, o despido de 770 persoas e o peche de 7 establecementos en España. Entre eles o de Ferrol e Verín.  A medida afecta tamén ao Val Miñor, xa que o Parador Conde de Gondomar (Baiona), deberá despedir a 10 traballadores do establecemento e cambiar as condicións laborais doutros 64 empregados da plantilla.

Se ben o documento do ERE, de máis de 3000 folios, non comunica os nomes dos traballadores que serán despedidos, si sinala as categorías que afectarán, sinalou Jorge Carneiro, portavoz do sindicato. Por exemplo, Carneiro informou que lamentablemente, na tarde deste martes tiveron que comunicarlle ás catro persoas que ocupan a portería do parador que todos eles están na lista de despidos previstas no documento do ERE. O documento sinala "4 vixiantes", na lista de Baiona, o mesmo número de prazas coa que conta o establecemento nesa categoría.

Os traballadores pedirán o apoio dos empresarios e o alcalde de Baiona.

Carneiro salientou que o comité de empresa prevé unha serie de reunións e mobilizacións para esta semana, ás que  sumarán un paro total de actividades xa decretados anteriormente para esta fin de semana (venres 7 e sábado 8 de decembro). No mediodía deste mércores, terá lugar unha reunión con representantes dos empresarios de Baiona (ACEBA) e o vindeiro venres outra co alcalde baionés, Jesús Vázquez Almuíña, co fin de buscar apoios cara a un último intento de reverter  a resolución de Paradores de Turismo.

O ministro Soria asegura que Paradores Nacionais iría á suspensión de pagos se non se fai un ERE.

O ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, asegurou este martes que a empresa Paradores iría a unha situación concursal e de suspensión de pagos se non leva a cabo un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e procédese ao peche transitorio dalgúns paradores nacionais.

Soria, en declaración aos medios este martes, sinalou que a empresa Paradores, no ano 2004, tiña unha situación de tesourería positiva duns 45 millóns de euros, invertidos en bonos do Tesouro pero que, a finais de 2011, esa situación xa no só non é positiva senón que é "una situación de tesorería negativa de 113 millones de euros".

Por iso, o ministro de Industria apuntou que agora se atopan ante a tesitura de facer un ERE e " proceder al cierre transitorio de algunos paradores, o bien, proceder a una situación concursal y de suspensión de pagos ".

Os traballadores piden o apoio de todo o Val Miñor na marcha do vindeiro sábado en Baiona.

Mobilizacións por todo o litoral da vila de Baiona e folga de dous días no Parador Conde de Gondomar.

O portavoz dos traballadores, Jorge Carneiro,  describiu a asemblea deste martes como unha das máis "duras" e "tristes", pola implicación de informar aos compañeiros da perda do seu posto de emprego. Nese senso, Carneiro pediu "a todo o pobo do Val Miñor" o seu apoio para facer presencia e acompañar a marcha que terá lugar este sábado ás 17 horas. A manifestación partirá dende O Burgo (á altura do Hotel Bahía) e rematará ás portas do Parador de Baiona.