Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Comeza a folga no Parador de Baiona contra o ERE e o despido de 10 traballadores.

Comeza a folga no Parador de Baiona contra o ERE e o despido de 10 traballadores.

Correo-e Imprimir PDF
parador folga

Tras a presentación dun ERE ,por parte da dirección, en Paradores de Turismo de España, os motivos para a convocatoria dunha folga a nivel nacional multiplícanse.

Como xa informamos, estase a desenvolver, entre hoxe e mañá, unha folga nos Paradores de Turismo de España. Os traballadores xustifican a medida na defensa da negociación do convenio que leva bloqueado tres anos, e a aplicación do decreto que elimina a paga de decembro aos traballadores desta empresa pública. A estes motivos engádese a presentación do ERE que anunciou o pasado luns a dirección da empresa e que estará igualmente presente nas reivindicacións destas dúas xornadas de folga.

No que respecta aos Paradores da comarca este expediente de regulación de emprego afectará aos Paradores de Tui e Baiona. No caso do primeiro a dirección da empresa expón un peche temporal de 5 meses ao ano e coa modificación dos contratos dos seus 24 traballadores e traballadoras de fixos a tempo total a fixos descontinuos de 8 meses. No que respecta ao Parador de Baiona produciranse un total de 10 despedimentos por causas obxectivas, dun persoal fixo actual de 74 traballadores.

Durante as dúas xornadas de folga nos dous Paradores concentraranse os traballadores e traballadoras do seu persoal. Ademais o Comité de Empresa do Parador de Baiona decidiu convocar unha manifestación o día 8 de decembro ás 5 da tarde que partirá de Santa Marta e finalizará na portería do Parador, á que se unirán traballadores do Parador de Tui.

Pola incidencia que teñen estes dous centros de traballo nas súas respectivas comarcas no que respecta á actividade económica, os traballadores piden ao pobo de Baiona e do resto da bisbarra o apoio nas súas reivindicacións e que se unan a esta manifestación.