Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Concentracións ás portas do Parador de Baiona polo despido dunha traballadora.

Concentracións ás portas do Parador de Baiona polo despido dunha traballadora.

Correo-e Imprimir PDF
paradormonteboi

O sindicato de traballadores do Parador Nacional de Baiona "Conde de Gondomar" anuncian concentracións ás portas da fortaleza para os días xoves 19 e 26 das 16:30 ás 18:30 horas. en sinal de protesta polo despido dunha traballadora do centro hosteleiro.

Finalmente a asemblea de traballadores do Parador de Baiona decidiu iniciar mobilizacións cara a obter a readmisión da traballadora despedida por "causas obxectivas" pola directiva da empresa no marco da nova Reforma Laboral. A empresa xustificou a medida -segundo o sindicato- "baseándose nos resultados económicos negativos" da rede de paradores no seu conxunto e na "redución de beneficios" do departamento onde se desempeñaba a traballadora cun contrato de fixa descontinua.

Pola súa banda, o Comité de Empresa, composto por representantes de CCOO, UGT e CIG, así como a asemblea de traballadores cualificou como "totalmente inxusto e innecesario" o despedimento. Alegan que "a pesar da crise", o establecemento segue a manter "uns beneficios aceptables" e que as perdas da tenda "son debidas claramente a unha mala xestión" do Departamento encargado nos últimos anos "que en ningún caso poden ser imputable á traballadora despedida".

Jorge Carneiro Penedo, portavoz dos traballadores, sinalou que con estas concentracións "pretendemos conseguir que a dirección da empresa rectifique" e readmita á traballadora. Nese senso ofrecen unha mesa de negociacións co Comité Intercentros , na pescuda de solucións aos problemas económicos da rede de paradores, "sen que se vexa afectado o emprego".