Os traballadores do Parador de Baiona están mobilizados polo despedimento "por causas obxectivas" dunha dependenta decretado pola directiva da empresa. Os traballadores oponse á medida, no entendido que os resultados económicos do parador son positivos "e as perdas da tenda -onde se desempeñaba a traballadora- son debidas claramente a unha mala xestión deste departamento nos últimos anos, que en ningún caso pode ser imputable á traballadora despedida."
Segundo o portavoz sindical, Jorge Carneiro Penedo, a empresa alegou que o despedimento xustificábase nos " resultados económicos negativos da rede no seu conxunto, a redución de beneficios no Parador de Baiona e as perdas do departamento da tenda, na que esta traballadora exercía as funcións de dependenta cun contrato de fixa descontinua" .
Os traballadores denuncian o despedimento "obxectivo" nun parador con resultados económicos "positivos".
Nembargante, na asemblea por parte do Comité de Empresa, celebrada o pasado xoves 5 de xullo, expúxose que "non hai motivos suficientes nin xustificados para este despedimento e que a pesar dos resultados económicos negativos que vén arrastrando Paradores de Turismo no conxunto da rede, no caso do Parador de Baiona o resultado económico segue sendo positivo e as perdas da tenda son debidas claramente a unha mala xestión deste departamento nos últimos anos, que en ningún caso pode ser imputable á traballadora despedida."
Os traballadores tamén denuncian a forma na que se produciu o despedimento. "A esta traballadora non se lle deu ningunha opción de ocupar outro posto de traballo, nin no Parador de Baiona nin en ningún outro da rede, nin os 15 días de preaviso optando a empresa por abonarlle o valor destes días", denunciou Carneiro.
O despedimento contradí o anunciado pola presidenta de Paradores de Turismo de España.
A Presidenta de Paradores de Turismo o pasado día 19 de maio sostivo que o plan de viabilidade que se está estudando para reflotar economicamente a empresa "en ningún caso vai supor perda de emprego".
O sindicato sinala que este é o primeiro despedimento por causas obxectivas que se produce na Rede "e temémonos que unha vez máis a Presidenta - Ángeles Alarcó- estea mentindo e que detrás de Yolanda sigan uns cantos máis, aproveitando as vantaxes que lles proporciona a reforma laboral e sen ter en conta as propostas que se están pondo encima da mesa por parte do Comité Intercentros e que axudarían a superar a situación económica negativa da Rede".
A conclusión final da asemblea foi a decisión de realizar mobilizacións destinadas a conseguir a readmisión da traballadora Yolanda, "e a deter a sangría de emprego estable que nos tememos que se producirá unha vez rematada a tempada alta".