Martes, 29 Apr. 2025

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Portada

O Xornal do Val Miñor. Baiona, Nigrán, Gondomar

Si quieres que arda Baiona

Correo-e Imprimir PDF

Si quieres que arda Baiona,

préndele fuego al Castillo

y verás como combaten,

tú corazón con el mio.

lume baiona2017Unha maldita canción que se fixo realidade, que fixo combater os corazóns dos baioneses e baionesas que, cos poucos medios existentes, se enfrontaron a un lume que viña a por nós, que nos cercou en cuestión de horas, que nos quixo abafar. A Virxe da Roca puxo capelo, como lembraba o refrán, pero non de néboa, senón dun mesto fume que cubriu a súa cabeza como se da cofia dunha nai que chora polos seus fillos se tratase. Era imposible ver nada máis alá daquela angustia que oprimiu ás xentes do Barrio da Anunciada (Corea), de Almirante Fontán (O Chaparral) ou de calquera outra parroquia deste Val de Miñor que temeu polas súas casas, as súas vidas e os seus seres queridos. Tentaron rodearnos como cando o lobo caía no foxo e ouveaba pedindo socorro pero novamente houbo unión, a unión dun pobo do que nos podemos sentir ben orgullosos, onde se deixaron atrás vellas xenreiras de loitas entre nós para, baixo unha mesma cadea humana, facer contralume ás bafaradas que o devastaban todo na Longueiriña, no camiño da Barxiela ou en calquera punto daquela afumada Covaterreña, por debaixo da Tomada Aberta.

A autopista fixo de tiro, de tiro da cociña dunha casa que onte foi queimada e todos a viron botar fume entre grandes balforadas de vento, de bocanadas de aire quente que con gran forza empurraron cara un lado e outro un lume que quedou á mercé dun vento cambiante. Moitas bágoas correron onte polo Regueiro da Louzán camiño da parroquial de Baíña onde, Santa Mariña, imaxinou o seu martirio dentro daquel forno onde foi queimada.

Só restan fornalleiras dende A Pinisa ao Aro da Forca, das Siareiras ao Pinal, da Corte das Ovellas á Volta do Cesto, do Cruceiro de San Antón ao Pino Manso pasando polo Portelo da Escaleira, A Bouza Fariña ou O Ulleiriño. Todo está queimado. Hoxe á mañá, só un coelliño á porta da súa touba no monte da Carabela vixiaba, como sentinela, o desolador panorama por onde antes de onte brincaba coa súa familia. Estaba só, quizais amedrentado por terse agochado entre os restos das pedras da vella canteira daquel monte. Mudaron o seu hábitat natural pola cinza dun inferno que aínda vía nos seus tristeiros ollos, aqueles cos que viu a quen lle plantou lume a súa casiña e tamén aos que lla viñeron a apagar. Fuxiron os mouros do Monte Castelo en Parada, botou a voar o brión de Vincios, chorou A Alba en Valadares, mudou de cor San Xosé en Chandebrito, soou a campá de ouro da Cova de Abal en Priegue, pecháronse as portas das minas todas que gardan os nosos tesouros porque, o maior de todos, acabamos de perdelo. O monte.

Dende o alto, as gaivotas ollaban a devastación da máis fermosa comarca de Galicia mentres, a silenciada campá da colexiata, desexaba tocar a arrebato para unir máis forzas, máis folgos para enviar ao pavillón de Panxón, a Camos, a Chandebrito, a Coruxo, a Saiáns, a Priegue, a Vincios, a Comesaña, a Navia, a San Xián, á Guarda ou ao Rosal. Hoxe todos volvemos a ser uns, como cando hai 15 anos o afundimento do Prestige encheu de chapapote o noso mar. Coas mesmas mans negras agora cheas de cinza da nosa terra, berraremos todos xuntos NUNCA MÁIS!

Un día do galego para os medios en español

Correo-e Imprimir PDF

Asociación de Medios en GalegoA Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación da Xunta sobre os medios escritos na lingua do país con respecto aos que o fan en español, e reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo". 

XXIX edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor

Correo-e Imprimir PDF

Festa da bicicleta 2018 O vindeiro xoves día 17 de Maio os concellos do Val Miñor organizan unha nova edición da festa da bicicleta, sendo este ano a edición nº XXIX.
As saídas dos ciclistas están previstas desde a praza do concello en Nigrán ás 11.30h, Praza do concello en Gondomar ás 11.00 h e  Parque da Palma ás 10:15h

Programación día das letras galegas en Nigrán

Correo-e Imprimir PDF

O Concello de Nigrán abrirá este sábado co concerto da pianista Brenda Vidal (Auditorio Municipal, 20:00 horas) a súa programación especial de Maio, o mes das Letras Galegas. A actividade sociocultural destas catro semanas será intensa e variada adaptándose á realidade sanitaria de cada momento, continuando o sábado 8 cun concerto de voz e piano en homenaxe ás vítimas de Covid-19 a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. Unha selección de curtas do Festival Internacional de Curtamextraxes de Bueu (13), a presentación do derradeiro libro de Carlos Méixome ‘Cartas na Memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’ (14), cine na rúa en Chandebrito con ‘A Esmorga’ (22) ou o concerto de ‘Cromosóns’ (29) completan esta programación na que se rendirá homenaxe a Xela Arias o día 15 cunha charla-coloquio e o concerto especial de ‘Xardín desordenado’. A tradicional ‘Festa da Bicicleta’ do día 17 de Maio tamén se celebrará cunha marcha polo litoral do municipio (Panxón-Lourido, ida e volta).

“É unha programación moi diversa, adaptada a todos os gustos e na que, como é tradicional, adicamos unha xornada á persoa homenaxeada pola Real Academia Galega cada ano, neste caso Xela Arias. Ademais, mantemos a celebración da tradicional Festa da Bicicleta cunha pequena marcha polo litoral entre os veciños que desexen participar, sendo ao aire libre e mantendo as normas consideramos que é unha actividade segura e saudable”, indicou o alcalde, Juan González.

Concerto de Brenda Vidal

A pianista Brenda Vidal, directora do Conservatorio de Música de Gondomar, ofrecerá un concerto con pezas de Bach, Mozard, Chopin, Prokofiev e Eduardo Soutullo. Cun currículo extensísimo, Vidal participa a cotiá en numerosas agrupacións orquestais e camerísticas, como a Orquestra Sinfónica Vigo 430, Orquesta Sinfónica do Algarve, Orquesta Filarmónica Ciudad de Pontevedra, Orquesta Clásica de Vigo, Banda Municipal de Pontevedra, etc. É membro fundador da formación lusa Quarteto Contratempus, adicado á opera de cámara contemporánea, e ten actuado en grandes salas e auditorios de toda Europa. O programa do concerto en Nigrán e o seu C.V. está a disposición dos interesados na páxina web do Concello.

Apertura inscricións campamento de verán Gondomar 2021

Correo-e Imprimir PDF

O Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Igualdade, dirixida por Nuria Lameiro, informa que se pon en marcha unha nova edición do campamento urbano Gondoverán coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

O seu obxectivo é o de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo en horario de 9 a 14h con posibilidade de 8 a 15h, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral da nena/o a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.

Como novidade este ano poderase solicitar por quincena ou todo o mes completo.

Contarase con 100 prazas para rapaces e rapazas que teñan o seu empadroamento no Concello de Gondomar nados entre os anos 2008 (non poderán facer 13 anos antes da finalización do campamento) e 2018 (deberán ter feitos 3 anos ao inicio do campamento) e cuxos proxenitores sexan persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia). En caso de quedar prazas libres serán admitidos/as doutros concellos, con preferencia de aqueles cuxos proxenitores ou titores/as legais sexan persoas traballadoras no municipio de Gondomar. Estas prazas serán adxudicadas por orde de entrega de documentación a través do Rexistro no Concello ou na sede electrónica.

A inscrición realizarase do 3 ao 13 de maio a través do Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 9.00 a 14h ou ata as 23.59h do 13 de maio a través da Sede Electrónica.

Para calquera dúbida as persoas interesadas poderanse dirixir ao CIM, na Casa da Cultura, no teléfono 986 389 355 ou no seguinte correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL