
Corre o vento, o río pasa.
Corren nubes, nubes corren
camiño da miña casa
(Rosalía de Castro)
Coas palabras de Rosalía poderíamos dar o ano por rematado. Un ano que vai como outro calquera, outro que virá como normalmente. Dende o alto do Castro de Morade vese todo moi ben, o ir e vir das xentes da Vila, os que van cos da feira e veñen cos do mercado ou aquelas nubes que corren no ceo, esas tamén se ven, veñen da Groba. Quen sabe cara onde camiñamos? pregúntase o sentinela dende o alto. Se cadra, as augas do noso mar saben a onde imos e teñen respostas ao noso mundo. Elas mentres tanto como cada día romperán na Punta do Boi ou en Cagar de Vacas, si alí no Burgo xunto ao monumento oxidado, o lugar onde se despezou o IVY un barco afundido no 1976 preto das Estelas, aquelas illas nas que en palabras de Frei Martín Sarmiento “abundan de perdices”. O mar é noso, dicíalle un vello lobo de mar a seu fillo debaixo dos arcos da vella Praza do Peixe, na Ribeira, mentres vía como dende o cambalache de Daniel unha nova embarcación se botaba ao mar. ¿Cantas gamelas ou dornas farían as mans de Daniel Esperón Millán, cantas as do seu aprendiz Manuel Costas (O Kanikí)? Elas sucaron os mares como nós sucamos a vida, buscando o mellor porvir e un vento sempre de popa. Os tempos non son fáciles pero tampouco máis difíciles que noutrora, simplemente temos que saber levalos, cambiando os estrobos dos remos e vogando todos a un tempo, non vaia ser que o mar tenebroso nos afunda como lle pasou aos do San Telmo detrás do Castelo. Mentres tanto cantaremos, se non é aquela canción que dicía “Virgen de la Roca, oriéntame en la mar, de esas bravas olas que se han de callar”, polo menos fagamos memoria e cantemos a canción deste tempo por antonomasia dende 1929: