
As tres horas de diferenza con Brasil non sempre as ten presente. "¿Qué tal hermanito?" dispara o Messenger que esquecín silenciar. Hai dous novos discos na rúa e un tour polo Brasil que ben pagan a pena postergar o sono. "Rubén, chámote polo Whatsapp". Como sempre estaremos máis dunha hora falando, el dende a miña América eu dende o seu Gondomar.
O único que vou adiantar é o final da conversa porque sempre é igual: "Bendiciones hermanito, ¡bendiciones!". Rubén de Lis é unha guitarra (violão en Brasil) gondomaresa que voa cargada de flamenquito, pop, rock, dance e vilancicos. Músicas do mundo que aprendera dende os 9 anos nas beiras do Miñor e que agora "agita o Brasil", como ben di a xornalista brasileira Bel Gimenez na "apresentaçao de "O melhor de min" e "Chegou Natal", as novas discografías deste miñorán con sotaques paulistas.
Atópoo eufórico. "Veño de tocar ante doce mil persoas en Río de Janeiro". Penso que iso é equivalente a case toda a veciñanza de Gondomar nun local de concertos. "Vai foto, mando foto", avisa. "Agora seguimos até Nadal con concertos en São Paulo, Fortaleza, Maceió, Pernanbuco, Pará ... e outros que están por verse".