"Galicia non reacciona axeitadamente aos problemas ecolóxicos", advirte o herpetólogo César Ayres, o galego que integrou o equipo británico-español que está a estudar os patóxenos "ranavirus" que afectan á península ibérica.
Este científico galego foi quen achegou as primeiras mostras ao Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC) en 2010 e dende entón, encárgase de xeito voluntario e altruista, de seguir periodicamente a evolución do patóxeno no encoro pontevedrés de Pontillón de Castro.
Ratifica que estes virus están a extinguir poboacións enteiras de anfibios. Sen embargo, salienta que Galicia non conta aínda con protocolos nin medidas de prevención por parte da Xunta, a pesar de que a administración coñece da súa existencia dende 2010.