Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Cinco familias do Val Miñor participarán nun voo solidario aos campamentos de refuxiados en Tinduf

Cinco familias do Val Miñor participarán nun voo solidario aos campamentos de refuxiados en Tinduf

Correo-e Imprimir PDF
saharahui-na-Colleira

O próximo sábado día 30 de novembro cinco familias do Val Miñor viaxan aos Campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, para pasar unha semana de convivencia coas familias dos nenos e nenas que veñen acollendo cada verán nas súas casas dentro do programa “ Vacacións en Paz “

Ilusión nos campamentos de Tinduf

Segundo sinalan dende a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, postos en contacto coas familias saharauís, estas manifestáronlles estaren moi ilusionadas coa visita das familias acolledoras, que “serán recibidas polas familias dos nenos e nenas saharauís con ilusión e agradecemento polo trato que reciben no Val Miñor”.

Sete miñoranos nun voo de 160 voluntarios de todo o Estado español.

Esta expedición de familias do Val Miñor forma parte dun grupo de 60 persoas, todas familias acolledoras e membros da ONG, SOGAPS, que viaxan dende Galicia. A saída será dende Madrid- Barajas o sábado ao mediodía e xunto con familias doutras partes do Estado conforman un avión das liñas aéreas alxerianas de 160 persoas en total. Polas familias do Val viaxan sete persoas, en representación de cinco familias.

O Delegado do Val Miñor tratará a posible acollida de estudantes saharauis en Galicia.

Ademais da convivencia nos campamentos “ que sempre deron mostras de grande hospitalidade e agradecemento dentro das súas humildes posibilidades”, está previsto que unha delegación da SOGAPS se entreviste co goberno da República Árabe Democrática Saharauí, Fronte Polisario, para promover a colaboración e apoio a varios proxectos. Entre eles o Delegado para o Val Miñor, Xosé H. Porto, que terá unha xuntanza coa Ministra de Educación para dinamizar o proxecto MADRAZA, consistente en preparar a acollida de estudantes saharauís en Galicia.

Segundo da conta a asociación “O obxecto é buscar familias de acollida para que estes mozos e mozas poidan cursar estudos no noso país, tanto de carácter secundario como universitario”.

Solidariedade: medicamentos e alimentos

Por outra banda o continxente galego transportará “un bo cargamento de medicamentos e alimentos nuns tempos de grande sufrimento nos campamentos, onde a crise económica e política dos países que axudaban ao Sahara están a mermar as atencións deste pobo que segue a loitar pola súa liberación, diante da indolencia do goberno español e América do Norte como responsables da inhumana situación e de Marrocos coma verdugo e invasor”, sinalan.