Venres, 6 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Dez cativos dos campamentos de refuxiados do Sahara gozarán das "Vacacións en Paz" no Val Miñor.

Dez cativos dos campamentos de refuxiados do Sahara gozarán das "Vacacións en Paz" no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
sahara-12-06-8

Dez cativos procedentes dos campos de refuxiados do Sahara chegarán entre o luns e o martes da vindeira semana ao Val Miñor. Os mesmos permanecerán durante os meses de xullo e agosto na nosa bisbarra no marco do programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

 

Sete familias de Nigrán, dous de Gondomar e unha de Baiona acollerán aos nenos nos seus fogares. Durante a súa estancia na bisbarra recibirán ademais da atención en coidados e alimentos por parte das familias acolledoras, asistencia médica a través do SERGAS, e un programa de actividades educativas e socias, coordinado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Os cativos chegarán por etapas, dous o vindeiro luns 2 de xullo e os restantes na madrugada do martes. O continxente maior será recibido polas familias e veciños de Gondomar sobre as 9 horas da mañá na Casa Consistorial de Gondomar. Único Concello do Val Miñor que fixo efectiva de momento a súa colaboración coa campaña.

A visita dos cativos prodúcese grazas ao traballo da Asociación que ao longo do ano realiza diversos traballos e actividades co fin de recadar os fondos necesarios. A unha media de 1.300 euros por rapaz (custe do pasaxe aéreo e traslados dende o Sahara a Galicia), as dificultades a sortear non son poucas. Nese senso, a campaña tamén contou coa xa mencionada axuda do Concello de Gondomar, así como da Deputación de Pontevedra. Pola súa banda, a Xunta de Galicia en convenio co SERGAS e outros departamentos administrativos tamén achegou colaboracións para os distintos programas destinados aos visitantes.

Esta asociación está a colaborar dende hai anos neste proxecto solidario co pobo saharauí "e tamén serve de acción reivindicativa para que dunha vez por todas se solucione o problema do Sahara", expresou Xosé Henrique Porto Varela, delegado de zona da ASGPS. Porto Varela, agregou que están pendentes entrevistas coas autoridades dous outros concellos miñoranos, aos efectos de que se sumen á campaña solidaria.