Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Concerto benéfico en Nigrán a prol da acollida dos nenos do Sahara que participan das Vacacións en Paz.

Concerto benéfico en Nigrán a prol da acollida dos nenos do Sahara que participan das Vacacións en Paz.

Correo-e Imprimir PDF

O concerto terá lugar o vindeiro sábado 22 de xuño ás 20 horas, na sala de conferencias e actos do Concello de Nigrán. O concerto ten por obxecto recadar fondos para subvencionar a campaña deste ano do programa Vacacións en Paz, na que unha ducia de cativos do Sahara Occidental acudirán ao Val Miñor, para convivir con outras tantas familias acolledoras durante os meses de xullo e agosto. En total a Galicia veñen 321 pequenos, e na nosa comarca serán doce: 4 en Nigrán 2 en Baiona e 6 en Gondomar.

O concerto que baixo o título de " Concerto a tres Bandas " será amenizado polas bandas de Música de Vincios, Goián e Valadares e tamén coa participación da Coral da Agrupación Musical de Vincios. Será para o público con acceso gratuito pero haberá unha hucha para quen desexe deixar un donativo voluntariamente para a ONG SOGAPS ( Solidariedade Galega co Pobo Saharauí). As bandas de música e coral participan solidariamente de xeito gratuito e serán transportadas polas empresas Galisur e Autna tamén gratuitamente para este concerto. O concello de Nigrán a través da concellaría de Cultura cederá a sala de conferencias e actos e tamén colabora con carteis e folletos do programa do acto, gratuitamente.
O concerto será presentado polos periodistas radiofónicos da Cadena Ser: Noelia Otero e Jacobo Buceta, que tamén colaboran no acto solidariamente.
A este concerto están convidados os tres alcaldes do Val Miñor e as correspondentes corporacións dos tres concellos.