O goberno do socialista Juan González executa un dos mandatos plenarios que o anterior goberno do PP omitiu: retomar o dobre sentido de circulación de vehículos para a Rúa Mariñeiro. Para elo repintarase a vindeira semana a estrada. O Concello anuncia que ademais a medida beneficiará aos usuarios da liña de ATSA que volverá á antiga ruta, así como a diminución do tráfico fronte ao colexio de Panxón. Para o verán a rúa podería temporalmente volver ao sentido único para dar máis espazos ao aparcamento de turismos.
Retornará a Rúa Mariñeiro ao dobre sentido tras repintarse a estrada a vindeira semana
O Concello de Nigrán devolverá o dobre sentido á rúa Mariñeiro de Panxón, dende 2013 de sentido único descendente. Paralelamente, o goberno buscará solucións para habilitar novos espazos de aparcamento na parroquia de cara aos meses de verán, xullo e agosto, sen descartar que o ano próximo volva a ser de sentido único so durante este período estival "e se non se acada antes un novo lugar de aparcamento", sinala esta administración.
A medida, que entrará en vigor en canto se proceda ao repintado a vindeira semana, terá un custo de 811,31 euros. Salientan dende o Concello que así "cumpre coas demandas dos veciños e permitirá que deixe de circular gran cantidade de tráfico as portas do CPI de Panxón, nunhas rúas estreitas e sen beirarrúas por onde transitan moitos menores coa inseguridade que isto conleva".
Afirman que por outra banda, non prexudicará a hostaleiros e visitantes, "xa que o goberno se compromete a buscar unha solución para non diminuír as prazas para vehículos no verán, cando a poboación se multiplica"
Subliñan que finalmente, permitirá que a liña de autobuses volva inmediatamente a circular polo seu itinerario orixinario, "acabando así cos incómodos desprazamentos dos veciños ata o cruce de Monteferro".
"Consideramos absurdo manter o único sentido porque tódalas prazas de aparcamento están baleiras e é un perigo derivar o tráfico ás portas dun colexio; xa para o verán buscaremos unha solución para os turismos", explica Juan González, alcalde de Nigrán.
Lembran que o anterior goberno do PP tomou a decisión unilateral no 2013 de facer en sentido única a rúa Mariñeiro pese a un acordo plenario en contra de toda a oposición e as críticas dos veciños.
Dende entón, o tráfico que sube dende o porto e o seu entorno cara a estrada PO-325 ten que circular polo Camiño dos Lagos, onde se atopa o mencionado colexio. Ademais, esta reorganización circulatoria significou tamén que se mudase o percorrido do transporte público de viaxeiros, aumentado a distancia coa parada para moitos veciños.