A decisión de manter o sentido único da Rúa do Mariñeiro e a súa dotación con máis de 100 prazas de aparcadoiros en batería "non ten amparo legal". Así o asegura o edil Antonio Fernández Comesaña (UCN) quen vén de comprobar que tras un ano de reclamar ao Concello de Nigrán o documento da Xunta que habilitaría o cambio comprobou que "non existe autorización algunha".
A estrada é de propiedade autonómica, polo que calquera intervención debería contar co visto e prace da Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Urbanismo. A dous anos da modificación do sentido do tráfico de 400 metros desta estrada, o concelleiro opositor denuncia que o goberno municipal desenvolveu o cambio só cunha autorización da Dirección de Mobilidade que ampara o traslado de dúas paradas de transporte público da Rúa Mariñeiro a unha no cruce da PO-325 coa Bouzabella á altura da subida a Panxón. Documento que non habilita de ningún xeito o resto das modificacións e medidas que rexen a circulación da estrada dende hai dous anos. Fernández anuncia que presentará denuncia antes as autoridades autonómicas.
A medida de cambio mantén enfrontados a veciños e comerciantes de Panxón.
Os 400 metros de estrada que van dende a Estrada Pola Vía (PO -325) até o Camiño dos Lagos teñen divididos a comerciantes e residentes de Panxón dende hai dous anos. A decisión tomada en novembro de 2012 polo alcalde Alberto Valverde de darlle dirección única descendente (cara ao porto) para acadar 100 novos aparcadoiros agrada aos primeiros (agrupados en OVALMI) e ten unha decidida resistencia nos segundos, representados pola Asociación de Veciños Monteferro – Panxón.
A asociación veciñal recolleu máis de 500 sinaturas reclamando a devolución do dobre sentido de circulación á estrada. Ante a negativa da alcaldía, o pasado venres manifestáronse e colgaron pancartas e carteis denunciando o que consideran unha arbitrariedade do rexedor. Basean os seus reclamos en unha resolución adoptada polo pleno en febreiro deste ano, na que se esixía ao goberno local repoñer a circulación da rúa a seu estado orixinal.
Oposición veciñal e apoio dos comerciantes.
Os veciños agrupados na AV Monteferro – Panxón, aseguran que o cambio está a producir graves inconvenientes. Nomeadamente a supresión de dous paradas de autobuses existentes nesa rúa que agora obrigan algúns veciños a desprazarse case un quilómetro para abordar o transporte público na súa nova localización na Estrada Pola Vía. Engaden que a obriga de ascender a peóns e vehículos polo estreito Camiño dos Lagos agrava os problemas de seguridade, sobre todo dos escolares. Por riba, o cruce da PO-325 carece de paso peonil.
Pola contra, algúns comerciantes ven beneficioso o cambio, sobre todo as novas prazas de aparcadoiros que aseguran facilitan a chegada de visitantes e clientes á zona. Engaden que o problema de falla de lugares para estacionar vehículos que viven cada verán queda en parte solucionado coa medida. A tal fin contan cun informe elaborado pola Policía Local de Nigrán que garante a eficiencia e seguridade do troco deses 400 metros de estrada a circulación en sentido único.
A retirada de pancartas
A mesma asociación veciñal denunciou o pasado venres a retirada de varias pancartas por parte da policía local de Nigrán. Sinalan que teñen dereito a reclamar e protestar polo que consideran xusto que é recuperar o dobre sentido desta rúa para restablecer as paradas de autobús que prestaba servizo aos veciños das parroquias de A Porqueira e O Rincho en Panxón.
O fracaso da comisión de consenso
Unha comisión especial formada en maio de 2014 con todos os involucrados intentou acadalo. A integraban o alcaide, os 5 voceiros municipais, a empresa de transporte ATSA, OVALMI polos comerciantes, a AV Monteferro – Panxón, e o xefe da Policía Local de Nigrán. Dividida en opinións, o pasado 24 de setembro decidiu manter a medida do sentido único por 5 votos contra 4.
Votaron a favor o alcalde, a voceira do PP, ATSA, OVALMI e o xefe de policía. En contra o PSOE, UCN, BNG e os veciños. Faltou á votación o edil non adscrito Ignacio Vilas.
Reapertura do debate
A falla de un documento de autorización do troco por parte da Xunta, que denuncia agora Fernández Comesaña reabrirá o debate político e obrigará á alcaldía a dar explicacións. Sobre todo porque o reclamo do edil desta información foi efectuada en pleno e por escrito hai máis dun ano. Por riba, Fernández asegura que o alcalde Alberto Valverde asegurou a súa existencia. "Alberto Valverde, mentiu á corporación cando asegurou en sesión plenaria que a actuación levada a cabo na rúa Mariñeiro, contaba coa autorización da Xunta de Galicia", afirmaba Fernández esta fin de semana. Fernández asegurou este domingo que trala comprobación toca presentar a denuncia correspondente ante a Xunta de Galicia.