Luns, 9 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán UCN pide revogar a cesión ao SERGAS da parcela para construción do ambulatorio en Panxón.

UCN pide revogar a cesión ao SERGAS da parcela para construción do ambulatorio en Panxón.

Correo-e Imprimir PDF
predio-centro-saude-panxon

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández, pide revogar o acordo plenario de data 29/10/2008, polo que se acordou ceder ao SERGAS unha parcela de 4.395 m2 nas Dunas de Gaifar-PANXON, para a construción dun novo ambulatorio en PANXON. Sinala que a cesión estaba condicionada expresamente a que as obras deberían dar comezo no prazo máximo dun ano e estar finalizadas antes de transcorrer tres, desde o citado acordo. Prazo que foi posteriormente actualizado, mediante novo acordo plenario do 30/3/2011, que unha vez superados máis de 60 meses o prazo inicialmente fixado para o inicio das obras, e que deberían estar finalizadas o pasado mes de marzo, malia que aínda non dispón da correspondente licenza urbanística.

UCN reitera os incumprimentos, tendo en conta ademais que a día de hoxe,” aínda non se dispón da correspondente licenza municipal de construción, e o que é peor, tampouco se presentou o novo proxecto técnico, onde se suscita un recorte sobre o proxecto inicial, que nin tan sequera se contemplaban prazas de aparcamento, nin en superficie nin subterráneas”.

Lembran que nunha visita da xerente do Sergas, anunciou que estaría en funcionamento no primeiro semestre de 2015, “o que vén confirmar o grave incumprimento dos prazos fixados polo pleno da Corporación, que condicionaba a cesión gratuíta da parcela para a construción do ambulatorio, vulnerando gravemente as condicións impostas”.

UCN volve insistir na necesidade de retomar a súa proposta inicial, de realizar as obras do novo ambulatorio no seu actual emprazamento, utilizando as posibilidades urbanísticas que permite a parcela en que se empraza o vello edificio. A medida, opinan,  evitaría así “dilapidar o patrimonio municipal, máxime agora que se pretende reducir considerablemente o proxecto inicial, polo que tería encaixe máis que suficiente na parcela actual, onde se sitúa o vello ambulatorio”.

Non estamos en contra de que se constrúa un ambulatorio en Panxón, pero si no seu actual emprazamento, como defendemos sempre e que o tempo cada vez máis, dános a razón. Non apoiamos ceder nin dilapidar patrimonio municipal, porque entendemos que é un despilfarro, cando hai solucións alternativas, e sobre todo, cando está infrautilizado o ambulatorio da Xunqueira”, sinalan.