Esquerda Unida de Nigrán denuncia o incumprimento da data de comezo das obras de construción do Centro de Saúde de Panxón. Segundo informa este colectivo, por acordo plenario do pasado 30 de marzo de 2011, as obras deberían estar empezadas o pasado venres. EU responsabiliza á Xunta de Galicia da falla de dotación orzamentaria para a obra, así como aos gobernos de Efrén Juanes (2007 - 2011) e do actual alcalde Alberto Valverde por non defender debidamente os servizos públicos do municipio.
Nese senso, sinalan que no ano 2006 se licitou a redacción do proxecto básico ao SERGAS, e licenza para a súa construción o 23 de outubro de 2010, "pasando case 18 meses sen comezar as obras."
A agrupación de esquerdas considera que os sucesivos anuncios realizados polas diferentes conselleiras de Sanidade do inmediato comezo das obras "son unha tomadura de pelo á cidadanía, xa, que como denunciou Esquerda Unida, non van acompañados de dotación orzamentaria".
Oposición á modalidade de licitación proposta polo SERGAS.
EU tamén manifesta o seu desacordo coa licitación das obras que pretende facer o SERGAS, mediante a modalidade de concesión de obra pública, como se fixo co Novo Hospital de Vigo. Entenden que dese xeito a obra terá uns gastos financeiros maiores, que poden chegar a un 18%, mentres que por construción directa non pasarían do 5%.
Por outra banda, acusan que este tipo de modalidade tamén implicaría que o aparcamento subterráneo ou en superficie que o alcalde de Nigrán solicitoulle á Conselleira Pilar Farjas sería de pago para a cidadanía, "como vai a ocorrer no Novo Hospital De Vigo e como non ocorre no Centro de Saúde de A Xunqueira".
Para Esquerda Unida tamén é responsable de que isto ocorra o anterior goberno municipal, xa que no acordo de cesión non incluíu que o uso sanitario da parcela fora 100% público.
Esquerda Unida considera que "este abandono nos servizos públicos de Nigrán, ao que se une a retirada parcial da ambulancia de Sabarís, corresponde a un plan de deterioro da sanidade pública para poder xustificar a súa posterior privatización e introdución de medidas como o repago."