No anteproxecto de orzamento da Xunta de Galicia non figura ningún tipo de partida para a construción do novo Centro de Saúde de Panxón, comunicou esta tarde Esquerda Unida de Nigrán. A Conselleira de Sanidade anunciou fai máis dun ano que Panxón contaría cun novo centro de saúde. A pesar de que o Concello de Nigrán xa transmitiu a titularidade do terreo para a construción do centro de saúde no ano 2008, e o SERGAS xa solicitou licenza municipal para a construción do centro de saúde de Panxón fai un ano, a agrupación denuncia que as obras seguen sen estar comezadas, nin presupostadas, nin licitadas.
Segundo o anteproxecto de orzamentos para o ano 2012 hai 2.600.000 mil euros coa denominación “NOVAS ACTUACIÓNS CENTROS DE SAÚDE-CONSTRUCIÓN E EQUIPAMENTO” dos que nin un so euro se destina a Panxón. Tampouco no ano 2011 se destinou ningunha partida orzamentaria a este fin, asegura UE, a pesar de existir unha partida dotada con 4 millóns de euros a construción e equipamento de centros de saúde.
Esquerda Unida opina que este “abandono nos servizos públicos de Nigrán, ao que se une a retirada parcial da ambulancia de Sabarís, corresponde a un plan de deterioro da sanidade pública para poder xustificar a súa posterior privatización, como xa está ocorrendo, afirman, con outros servizos, como o das técnicas de terapia respiratoria a domicilio, recentemente privatizada.”