Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Vigo-A Guarda: O carril-bici que non é tal

Vigo-A Guarda: O carril-bici que non é tal

Correo-e Imprimir PDF
fronton

O pasado sábado oito ciclistas foron atropelados por unha furgoneta en Oia, na estrada PO-325. Un deles continúa na UCI e Aída Valiño, campiona de España de triatlón, necesitará ser operada. Os outros seis xa están fóra do hospital, aínda que algún despois de recibir corenta puntos nas súas feridas. Foi unha moi mala fin de semana para os e as ciclistas e cicloturistas en toda España: ademais do grave accidente de Oia, dous afeccionados ás dúas rodas morreron en Navarra e outro en Guadalajara, e o número total de falecidos no Estado no que vai de ano chega xa a 25.

O caso de Oia é noticia non só pola súa súa gravidade e espectacularidade, senón polas especiais circunstancias do lugar no que se produciu. A PO-325, que une Vigo e A Guarda seguindo a liña da costa, é moi utilizada polos ciclistas da comarca. E conta cun carril-bici en todo o seu percorrido. O goberno Bipartito anunciou a súa ampliación para dotala de carrís-bici e beirarrúas nos dous sentidos. As expropiacións necesarias para esta obra xeraron protestas dos veciños, así que o novo goberno popular modificou en 2010 o proxecto xa aprobado, reducindo considerablemente o espazo reservado para bicicletas e peóns. Cómpre lembrar que en certos lugares do percorrido os propietarios das vivendas e predios anexos se apropiaron dese espazo a carón da estrada unha vez que foi retirado o tranvía.
Varios grupos de cicloturistas levan protestando dende entón contra o deseño e o actual estado deste carril-bici. Sinalan que é tan estreito que nalgúns treitos fai imposible o paso dunha bicicleta, a pesar de que o manual para o carril bici da DGT afirma que "o ancho recomendable nos carris-bici estará comprendido entre 2,5 e 3 metros". Tamén denuncian o seu abandono, polo que é frecuente que nalgúns lugares estea cuberto por vexetación ou por terra caida dende os muros próximos. Outros dos obstáculos que os e as ciclistas atopan frecuentemente no seu camiño son os coches, que decote empregan o carril-bici para aparcar. Outros dos perigos están nos bordillos de cemento que nel se colocaron e tamén nas gomas que serven para separar este carril da calzada: uns e outros elementos provocan caídas constantes, o mesmo que a pintura deslizante que se empregou para marcar os pasos de peón. E, en xeral, denúnciase un desleixo na conservación do firme, co asfalto desgastado, con baches e pedras. O desta fin de semana foi o accidente máis grave dos rexistrados, pero nos últimos anos é habitual que nete treito haxa caídas e atropelos de ciclistas, algún deles mesmo saldado con feridos de gravidade.
As obrigas e dereitos dos e das ciclistas
-Os e as ciclistas están obrigadas a empregar no carril-bici alí onde exista. Porén, no caso da PO-325, hai treitos no que isto é perigoso (pola suciedade: terra, cristais..., ou pola falta de espazo) e pode provocar caídas. Noutros lugares o seu uso é, directamente imposible, pola presenza de coches aparcados ou contedores.
-Os e as ciclistas poden circular en paralelo, en grupos de dous. Só se recomenda que circulen un detrás de outro en treitos de escasa visibilidade
-Para adiantar o ciclista é obrigatorio deixar un espazo mínimo de metro e medio. O automóbil si que pode traspasar a liña continua para adiantar un ciclista.
-O uso do caso é obrigatorio en vías interurbanas para todos e todas as ciclistas, e en vías urbanas para os e as menores de 16 anos.

Do xornal colaborador Praza Pública