-O Consorcio da Zona Franca saca á venda a totalidade das parcelas do parque empresarial Porto do Molle e facilita aprazar o pago ata en dez anos.
Presidido pola Delegada, Teresa Pedrosa, o Comité Executivo de Zona Franca de Vigo acordou este luns sacar á venda toda a superficie de parcelas dispoñible no parque empresarial de Porto do Molle. Ata o momento, convocáronse diferentes concursos públicos para a adquisición das parcelas situadas nas áreas industriais e comerciais, sendo as últimas as outorgadas a Mercadona e Combustibles do Noroeste. Neste momento, Teresa Pedrosa considerou someter á aprobación do Comité Executivo a comercialización de todo o ámbito no que se inclúen tres novas áreas: a área tecnolóxica e de servizos múltiples; a área de lecer recreativo e o equipamento social. Para dar as máximas facilidades financeiras ás empresas, o Consorcio decidiu que o pago poida realizarse cun aprazamento de ata dez anos.
Situadas fronte ás grandes áreas empresariais, e con dobre fachada cara á avenida central e sobre a ampla zona verde do río, os máis de 100.000 metros cadrados das parcelas da área Tecnolóxica e de Servizos Múltiples saen á venda cun prezo de 138 euros o metro cadrado.
Como lugar de lecer e ocio integrado no propio parque, na marxe contraria do río está situada a área destinada usos de lecer-recreativo. 33.276 metros cadrados divididos en parcelas para instalacións a partir de 2.500 m2 que, para favorecer a instalación de empresas que dean servizo tanto aos traballadores do parque como aos veciños da zona, sae á venda por 81 euros o metro cadrado. Aquí pódese instalar calquera tipo de centros deportivos e servizos destinados ao lecer e ocio que contribúan á conciliación da vida persoal e laboral.
En Porto do Molle 10.950 metros cadrados destínanse a dotar dos servizos e prestacións sociais que fagan posible o desenvolvemento da vida comunitaria. Usos como o docente, de servizos culturais e servizos sanitario-asistenciais, teñen cabida neste espazo que hoxe sae á venda cun prezo de 65 euros o metro cadrado para facilitar a instalación de servizos sociais no ámbito.
Cunha superficie total de 1.028.000 metros cadrados, Porto do Molle comezou a súa comercialización coa adxudicación das primeiras parcelas en novembro de 2010. En dous anos, e a pesar do crítico momento económico, máis de doce empresas xa adquiriron chan ou alugado espazo para localizar en Nigrán as súas novas instalacións. Como se recordará, as dúas áreas que se comercializaban ata este momento eran a zona industrial con prezos desde 122 euros o metro cadrado e a área comercial cun prezo de 175 euros o metro cadrado. Con fachada á avenida principal, dentro da área industrial e cun prezo de 149 euros o metro cadrado, tamén se comercializa unha franxa de "industria-escaparate" na que no 32 por cento da súa superficie pódese compatibilizar o uso comercial e o industrial.
Desde o pasado día once, o Consorcio tamén ofertou o aluguer de oficinas e locais comerciais nos dous novos edificios que construíu á entrada do parque empresarial. Tal e como explicou Teresa Pedrosa, para acurtar tempos e permitir a rápida instalación de todas aquelas empresas que se queiran instalar nos novos edificios de Nigrán, aquí optouse por establecer un procedemento de adxudicación áxil e económico cunha táboa de prezos que van desde os 7 aos 10 euros o metro cadrado.