Domingo, 6 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O Alcalde de Nigrán Efrén Juanes inaugurou as naves bioclimáticas de Porto do Molle

O Alcalde de Nigrán Efrén Juanes inaugurou as naves bioclimáticas de Porto do Molle

Correo-e Imprimir PDF
Efrén Juanes, Mª Teresa Pisano e mais Abel Caballero inauguran as naves bioclimáticas de Porto de Molle.

O Alcalde de Nigrán, Efrén Juanes xunto coa Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, María Teresa Pisano e mais o Alcalde de Vigo Abel Caballero inaugurou ante máis de catrocentas persoas as corenta naves bioclimáticas de Porto do Molle, na mañá do mércores. Na súa intervención, Efrén Juanes reiterou que este parque terciario "é unha luz ao final do tunel", ademais de destacar que trátase do primeiro exemplo en Galicia de arquitectura industrial sostible. Pola súa banda, Pisano, afirmou ser consciente de que o desenvolvemento económico debe de combinarse coa sostibilidade social e ambiental para xerar riqueza sen perder o obxectivo de conseguir unha maior calidade de vida dos cidadáns e de mellorar o ámbito. Abel Caballero, que fixo uso da palabra logo de Juanes, dixo que "Se o alcalde de Nigrán está feliz o alcalde de Vigo tamén o está porque trátase dunha mesma área", afirmou. As naves, nas que o Consorcio investiu preto de 38 millóns de euros, construíronse en trece meses . Ao acto asistiron numerosas personalidades do mundo empresarial e político.

Estas naves son a primeira edificación industrial que recibe en España a certificación BREEAM (Building Research Establishment Environmental Assessment Methodology) de boas prácticas ambientais. Pisano afirmou que," esta aposta polas tecnoloxías verdes fará que a turística bisbarra do Val Miñor dispoña das mellores condicións para a creación de emprego" e agregou que isto " levará consigo o aumento de poboación permanente nuns municipios moi marcados pola estacionalidade residencial."

Porto do Molle ocupa unha superficie dun millón de metros cadrados e as súas naves teñen xa os seus primeiros inquilinos, a multinacional suíza Bibus dedicada á distribución de pezas para a automoción. En total once firmas xa elixiron Porto do Molle para instalar as súas empresas. Estas primeiras empresas crearán ao redor de 250 postos de traballo e todas elas estarán operativas máis ou menos nun ano.

Cun investimento de 130 millóns euros, Porto do Molle ocupa unha superficie de 1.000.000 de metros cadrados e prevese que neles se xeren 4.000 empregos. O Concello de Nigrán ten activa unha bolsa de emprego na que os veciños do municipio poden levar os seus currículums. Segundo informara o alcalde Efrén Juanes, esa bolsa de emprego entrega os perfiles acordes ante posibles demandas das empresas que se están a instalar. Se ben non hai unha obriga legal de contratar a través desa bolsa, as empresas manifestan o seu interese en contar con persoas afincadas na zona, afirmou Juanes.

O deseño das naves ten por obxectivo minimizar o impacto visual e a eficiencia enerxética.

Segundo os responsables da construción do parque Porto do Molle os obxectivos do proxecto foron minimizar o impacto destas grandes construcións sobre a paisaxe que as rodea, conseguir naves enerxeticamente eficientes e construílas producindo os mínimos residuos de obra. A integración na paisaxe conseguiuse, afirman mediante a utilización de elementos tales como cubertas vexetais e a ruptura dos planos superiores en diferentes materiais e cores segundo a súa orientación; a eficiencia enerxética coa instalación de paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía eléctrica e un sistema de ventilación cruzada de aire para refrescar os interiores en verán sen ter que recorrer ao aire acondicionado; producir os mínimos residuos de obra conseguiuse mediante a utilización de materiais prefabricados. A separación de tráficos rodados das rúas interiores peonís consegue que esta urbanización sexa por un lado operativa industrialmente e, por outro, cómoda para as persoas que aquí traballen.

Posto que esta extensión urbanizada é visible dende moitos lugares dos arredores, prestouse especial coidado á quinta fachada das naves, a cuberta. Como é habitual nas Rías Baixas, o ámbito estrutúrase en terreos microfragmentados con pequenas edificacións. Coa ruptura de planos conseguiuse o efecto desta fragmentación e para iso tamén se xogou con diferentes volumes, cores, zonas brandas e duras, vexetación, etc. Froito diso é a cuberta vexetal que co seu aspecto cambiante ao longo do ano consegue que as edificacións teñan un comportamento orgánico.

Esta cuberta vexetal influirá positivamente tanto na emisión de osíxeno ao ámbito como no illamento térmico dos edificios polo que, ademais dunha parte formal, cumpre unha dobre misión de aforro enerxético e de mellora do medioambiente ademais de restituír, deste modo, a cuberta vexetal perdida cos movementos de terras e de minimizar as emisións sonoras grazas ao colchón vexetal utilizado.

A cuberta vexetal tamén colabora no illamento das naves, xa que a maior superficie en contacto co exterior está na cuberta. As cubertas axardinadas son capaces de reter ata o 90% das precipitacións. Unha gran parte deste auga é devolta á atmosfera, o resto flúe de forma retardada aos sistemas de desaugadoiro. Así se pode diminuír a dimensión dos condutos e á vez redúcense custos de desaugadoiro. As cubertas vexetais reducen o quentamento atmosférico e humedecen o ambiente urbano creando un clima máis agradable e, ademais, funcionan como un filtro para o aire. Ao minimizar substancialmente a contaminación de po e aerosois, contribúen a reducir elementos tóxicos na atmosfera. O substrato, á súa vez, filtra a auga da chuvia de modo que as cubertas axardinadas axudan a reducir a carga de substancias nocivas na auga.