Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de Nigrán desminte acusacións sobre desfeita medio ambiental no Río Muíños.

O alcalde de Nigrán desminte acusacións sobre desfeita medio ambiental no Río Muíños.

Correo-e Imprimir PDF
Alberto-Valverde

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, sae ao cruce das acusación do PSOE sobre unha presunta desfeita medio ambiental contra o Río Muiños. O rexedor asegura que o Concello de Nigrán conta cos permisos de dúas actuacións: a limpeza e baleirados de areas acumuladas para evitar eventuais crecidas do caudal e o arranxo dunha tubaxe de saneamento. Nese senso declarou que ningunha de ambas as dúas actuación supón "un atentado contra o medio ambiente senón máis ben todo o contrario, xa que se están realizando para limpar e mellorar a contorna desta canle".

 

Valverde informou que o pasado 21 de novembro, o Concello de Nigrán solicitou a Augas de Galicia a limpeza dun tramo do Río Muiños, co fin de limpar as areas e malezas depositadas no paso do Río Muiños, por baixo da autoestrada, co fin de evitar posibles inundacións na zona afectada ante a chegada do inverno e as súas previsibles riadas e crecidas. A actuación non se acometeu antes debido ao elevado nivel do caudal de auga, "polo que nos vimos obrigados a agardar á primavera para realizala", sinalou. A autorización por parte de Augas de Galicia a devandita solicitude foi recibida o 25 de novembro, con número de rexistro de entrada 4876.

Así mesmo, o rexedor relatou que o 30 de marzo pasado, Augas de Galicia, solicitou por escrito ao Concello de Nigrán arranxar e reforzar unha tubaxe de formigón do colector municipal situada nas marxes do Río Muíños, debido á deterioración da mesma, evitando así posibles roturas e verteduras da mesma ao río, "coas consecuencias que iso tería para o medio ambiente."

O rexedor acusou ao PSOE -sen mencionarllo- de "filtrar" falsas informacións "dirixidas unicamente a destruír un proxecto moi bo para Nigrán".

Por outra banda, Valverde asegurou que a maquinaria que está a traballar nas obras é a da Mancomunidade do Val Miñor e non da Deputación de Pontevedra, como sinalaran os socialistas no seu comunicado público desta mañá, "lo que demostra a escasa credibilidade e rigor das mesmas", salientou.