Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O saneamento de Gondomar pon en perigo a integridade da Ponte de Mañufe e o Acueduto do Bravo.

O saneamento de Gondomar pon en perigo a integridade da Ponte de Mañufe e o Acueduto do Bravo.

Correo-e Imprimir PDF
ponte_maufe

.As obras licitadas pola Xunta de Galicia prevén máis grampados de tubaxes sobre a Ponte Románica de Mañufe (século XII) e a construción dun pozo de bombeo que afecta o antigo lavadoiro de pedra a carón da mesma.

.O proxecto non toma en conta a existencia do acueduto do Bravo sobre o Río Zamáns, unha peza patrimonial que debería ser derrubada parcialmente para respectar a traza do percorrido do novo colector e os seus correspondentes pozos.

A Consellaría de Medio Ambiente anunciou que 75 empresas presentaron ofertas para a adxudicación das obras de “Adecuación da rede de saneamento no concello de Gondomar” que conta cun investimento próximo aos 3.5 millóns de euros. O proxecto susténtase nun informe da Augas de Galicia onde se denuncia o deficiente trazado da actual rede, o mal estado dos colectores, así como o constante medrar da presión do tráfico de “augas residuais” que filtran a seu paso os ríos Zamáns e Miñor dificultando ao mesmo tempo o funcionamento da planta depuradora. Nembargante a obra proxectada tería -de non modificarse- un efecto “colateral” pois implicaría intervir e ata efectuar algún derribo parcial en obras que son patrimonio cultural da bisbarra: a Ponte románica de Mañufe (século XII) e o Acueduto do Bravo construído sobre o río Zamáns, segundo informaron a Valminor.info fontes empresarias que traballaron na confección de ofertas así como profesionais da zona que tiveron acceso á documentación e planimetría aportada por Augas de Galicia.

O proxecto de Augas de Galicia explícito no documento público identificado coa clave OH-336.938, afirma que “para solucionar el problema actual y futuro de vertidos continuos de aguas residuales al cauce del río Miñor y al cauce del río Zamáns se ha previsto, además de disponer sendo tanques de tormenta, modificar gran parte del trazado de la red principal de colectores que discurre por los cauces de estos ríos de forma tal de evitar filtraciones.” No mesmo escrito, Augas de Galicia advirte sobre as características do tráfico de augas residuais que corren sobre esta infraestrutura, que non só abrangue os vertidos do concello de Gondomar (próximo aos 14.000 habitantes)se non que tamén os provenientes do polígono industrial de A Pasaxe e por riba os do Campus Universitario de Vigo cunha poboación de 15.800 persoas, segundo estimación do ente.

Tanto empresarios como técnicos consultados por Valminor.info durante os traballos de fotografía e medición de campo baseados na planimetría aportada polo proxecto, admitiron que tanto a Ponte de Mañufe como o Acueduto do Bravo serían afectados pola obra. Unha vez obtida a documentación e planos do proxecto, esta Redacción solicitou unha opinión do recoñecido estudoso do patrimonio gondomareño e columnista deste portal o arquitecto Antonio Soliño Troncoso ( co autor da obra Gondomar. Historia, Arte e Territorio) quen ratificou as intervencións e desprotección destes bens nas obras proxectadas.

Posibles derribas do acueduto do Bravo de non modificarse o trazado de Augas de Galicia.

Segundo o arquitecto Antonio Soliño o acueduto do Bravo construído para salvar as augas do río Vilaza a seu paso polo barrio d’O Bravo en Gondomar “formaba parte da levada que antes de que se construíse na segunda metade do século XIX a estrada Ramallosa – Gondomar – Porriño, servía para regar as terras de labradío, en franxa paralela ao río Miñor, ata aproximadamente, o lugar onde actualmente se emprazan as Escolas Pro-Val”.

Soliño advirte que o proxecto “non ten en conta a existencia da peza patrimonial e traza o percorrido do colector e os seus correspondentes pozos de tal forma que solo derrubando parcialmente o acueduto sería posible executar as obras”. Segundo o profesional isto podería evitarse cambiando o trazado previsto, que pasa por terreos privados, “e desprazásese ao inmediato camiño público d’As Gaiandas a O Bravo, tal e como fai no resto do percorrido”.

A vella ponte románica de Mañufe recibiría máis tubaxes nas súas estruturas e intervencións na zona do antigo lavadoiro.

O informe de Soliño informa que a vella ponte foi reconstruída no ano 1140 no mesmo lugar que anteriormente ocupou outra de orixe romana, segundo datos recollidos do libro Pontes históricas de Galicia, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos. “A mesma publicación –apunta Soliño- asegura que é máis antiga que a de A Ramallosa, á que datan con posterioridade á fundación da vila de Baiona por Alfonso IX (1201)”, agregan que os romanos nunca “as emprazaban –as pontes- na desembocadura se non río arriba”. Sobre ela pasa “o Camiño portugués do Norte, que se inicia en Barcelos e entra en Galicia por Goián, para pasando por Vigo, ir unirse en Redondela con outras ramificacións do camiño de peregrinación”.

Nembargante o seu valor histórico cultural, aos xa varios tubaxes e canles que atravesan a súa delicada estrutura, o proxecto ten previsto “o grampado, á vista, de canalización de fundición de ferro de 125 mm de diámetro sobre a fábrica pétrea dun dos laterais da ponte”sinala o arquitecto.

Pero as intervencións no patrimonio de Mañufe non rematan alí, as obras tamén prevén “a construción dun pozo de bombeo que, pola súa situación, afecta ás construcións de carácter etnográfico ligadas ao uso da auga(lavadoiro de pedra, pontillón granítico, etc.) situadas ao sueste da ponte, sen poder precisar, coa documentación examinada, cal é o grao de afectación”. O análise agrega que na documentación consultada “menciona outra canalización de PVC de 315 mm. de diámetro de confusa ubicación.”

“Deberían estudarse propostas alternativas non agresivas co patrimonio” conclúe Antonio Soliño.

A Consellaría de Medio Ambiente, Territoro e Infraestruturas anuncia que 75 empresas achegaron ofertas.

A Consellaría de Medio Ambiente anunciou onte, martes 16 de agosto, que recibíronse ofertas de 75 empresas interesadas nas obras de mellora da rede de colectores de Gondomar. O proxecto ten un investimento previsto da orden dos 3.5 millóns de euros, a outorgarse no vindeiro mes de setembro, e o prazo de execución dos traballos foi establecido nun ano.