Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Tripartito dará aprobación definitiva á Relación de Postos de Traballo no pleno do venres 28.

O Tripartito dará aprobación definitiva á Relación de Postos de Traballo no pleno do venres 28.

Correo-e Imprimir PDF
O BNG presentará no pleno a moción SOS Ponte de Mañufe

O goberno tripartito de Gondomar desestimará as trinta alegacións presentadas ao proxecto da Relación de Postos de Traballo (RPT) para conseguir a súa aprobación definitiva no próximo pleno ordinario a celebrarse o venres 28 ás 9 horas no Auditorio Lois Tobío. Os gobernantes PP, Move Gondomar e os 4 concelleiros non adscritos tamén presentarán un novo proxecto de saneamento que afectará a parte da parroquia de Gondomar. Pola súa banda o BNG, que en principio se opoñería á fórmula da RPT, tamén presentará dúas mocións, unha contraria ao anteproxecto de lei da Área Metropolitana e outra referida a medidas para salvar a milenaria ponte de Mañufe dun posible colapso das súas estruturas, situación xa informada por Valminor.info (ver artigo).

As trinta alegacións presentadas no transcurso da exposición ao público da RPT serán desestimadas en bloque por ser todas iguais afirmou a portavoz do PP Natalia Salgueiro, quen non entrou en detalle do contido das mesmas. A moción xa foi preparada polo equipo de goberno e compromete ás tres forzas que o integran. A concelleira non deu por aprobada a moción a pesar da maioría absoluta que ostenta no pleno (12 concelleiros contra 5 da oposición), no entendido que podería haber lugar a modificacións na mesma durante o transcurso da sesión.

Pola súa banda a mesa sindical dos funcionarios da corporación que en principio ían realizar unha rolda de prensa para comunicar a súa posición crítica coa postura do goberno na RPT, postergaron a mesma para logo da realización do pleno, á espera da resolución definitiva.

No día de hoxe, o BNG deu tamén a coñecer a súa intención de presentar unha moción baixo o título SOS PONTE DE MAÑUFE, onde reclamará a realización dun diagnóstico urxente das estruturas da ponte milenaria e o seu acondicionamento por parte de tódalas administracións involucradas na conservación e coidado da mesma. A iniciativa tamén alude a comprometer ás diferentes administracións na construción dunha nova ponte que de alivio á presión de tráfico que sofre a devandita obra medieval.