Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Natalia Salgueiro asumirá Deportes e Ignacio Troncoso integrará a Xunta de Goberno de Gondomar.

Natalia Salgueiro asumirá Deportes e Ignacio Troncoso integrará a Xunta de Goberno de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
  A concelleira Natalia Salgueiro con José Palacín, presidente do CDL Galicia.

- Natalia Salgueiro agrega a Concellería de Deportes á súa dedicación exclusiva e Ignacio Troncoso formará parte da xunta de goberno semanal do alcalde Fernando Guitián.

- O CDL designou por unanimidade a Natalia Salgueiro como presidenta do organismo que coordinará aos concelleiros da formación en Galicia.

O reparto de responsabilidades das concellerías do municipio de Gondomar asumidas polo CDL sofren un cambio, finalmente Natalia Salgueiro asumirá a concellería de Deportes e non Iganacio Troncoso como se tiña informado nun principio. A resolución foi confirmada a Valminor.info pola propia Natalia Salgueiro, quen matizou que tanto Cultura como Deportes serán áreas de traballo conxunto entre os dous edís do CDL. Por outra banda, tamén confirmou que ela terá a dedicación exclusiva obtida pola súa agrupación no acordo de goberno co PP, e Ignacio Troncoso formará parte da xunta de goberno que semanalmente presidirá o alcalde Fernando Guitián.

Con esta modificación, o reparto de responsabilidades dentro das concellerías de Gondomar obtidas  por CDL tras o acordo do pasado 20 de xuño co PP , deixa a Natalia Salgueiro ao fronte de Economía e Facenda, Deportes e mais Promoción de Emprego e Formación. Pola súa banda o concelleiro Ignacio Troncoso asumirá a Concelleiro de Cultura, Festexos, e estase a resolver se tamén Xuventude.

Salgueiro manifestou que estes primeiros días coa nova administración Guitián ten servido para achegarse ao novo contexto de traballo. A diferenza dos concelleiros do PP que asumen por primeira vez a súas respectivas carteiras (salvo no caso de Paula Bouzós en Educación),  Salgueiro opinou que para os edís do CDL a situación será máis doada por ocupar case as mesmas responsabilidades que no anterior mandato presidido polo ex alcalde Martín Urgal.

O proxecto CDL medra nos escindidos do PP.

A concelleira Natalia Salgueiro foi elixida presidenta do Consello Municipal de Galicia, órgano interno, recentemente creado polo Centro Democrático Liberal (CDL). A resolución foi tomada pola unanimidade dos edís deste novo partido político, que obtiveron prazas nos concellos galegos de Láncara, O Incio, Nigrán, Tomiño e Gondomar. A medida que foi tomada na 5ª Executiva Federal celebrada o pasado 20 de xuño en Ourense, será comunicada esta fin de semana no Congreso Nacional do CDL a celebrarse en Madrid.

O organismo presidido por Salgueiro terá como principais obxectivos coordinar a política municipal do partido en Galicia, achegar iniciativas comúns ás distintas corporacións que rexistran edís do CDL, e ficar como nexo entre as realidades locais e o Grupo do Partido Europeo dos Liberais, Demócratas e Reformistas (ELDR), a representación europea socia do CDL.

Consultada a concelleira Salgueiro, manifestou que tanto Troncoso como ela, están decididos a traballar na consolidación desta nova forza política non só en Gondomar se non tamén en toda Galicia. Salgueiro afirmou que o proxecto do CDL que asumira xunto con Troncoso e un número importante de ex referentes e militantes populares , vai moito máis alá das eleccións do pasado 22 de maio.