Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Latente a renuncia masiva de concelleiros de goberno e cisma electoral no PP de Gondomar.

Latente a renuncia masiva de concelleiros de goberno e cisma electoral no PP de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
O PP Gondomar ao borde dun cisma de confirmarse a eliminación dos actuais concelleiros de goberno na listas as municipais 2011.

A posibilidade dunha renuncia masiva dos cargos de goberno e a formación dunha lista independente está latente nesta fin de semana no Partido Popular de Gondomar. A nova de que os principais edís con cargos de goberno quedarían fóra da lista ás municipais de maio, foi interpretada como unha "puñalada a traizón" por os que "por disciplina partidaria levaron adiante a moción de censura en 2009" e agora ven como un novo grupo"que nunca estiveron nin se lles viu nestes catro anos", se "arrima" e promoven esa decisión no candidato a alcalde Fernando Guitián, afirmaron fontes da xestora local do PP Gondomar a Valminor.info.

Na mañá do venres no círculo dos partidos da oposición manexábase a información de que o alcalde Martín Urgal había evitado a renuncia do concelleiro de Cultura e referente do PP na parroquia de Vincios, Ignacio Troncoso. De feito, segundo fontes municipais, o comezo das celebracións do Entroido 2011 nas que Troncoso leva traballando moitos meses, foi o argumento esgrimido por Urgal para convencer ao concelleiro de postergar a súa dimisión. As mesmas fontes afirmaron a este xornal que a renuncia podería suceder o próximo luns. A redacción de Valminor.info intentou no correr da xornada falar con Troncoso o que non foi posible. Tampouco aceptou facer declaracións o presidente local do PP Eladio Bargiela, tamén secretario persoal do alcalde Martín Urgal. O restos dos concelleiros de goberno consultados manifestaron descoñecer o feito.

Sen embargo, Valminor.info está en condición de afirmar que nestas últimas horas estivo a punto de renunciar na súa totalidade o grupo de concelleiros populares con cargos de goberno. A medida, fundada na presunta decisión de deixarllos fóra da lista, quedou en suspenso á espera dunha conversación nas próximas horas có presidente provincial Rafael Louzán, afirmaron fontes do partido. Segundo as mesmas fontes, o grupo maioritario da xestora local confía nas palabras de Louzán que lles afirmara que "o candidato a alcalde o elexía el pero o resto da lista respectaría a decisión das parroquias". E a decisión dos militantes das parroquias, segundo estas fontes é apoiar o grupo de concelleiros encabezado pola portavoz Natalia Salgueiro. A ausencia nunha lista, de referentes como Ignacio "Nacho" Troncoso na parroquia de Vincios, podería "ser fatal" para as pretensións electorais do partido, afirmaron.

As fontes populares consultadas sinalaron ao Responsable de Política Municipal Fernando Oriol Rodríguez, como unha das persoas máis próximas ao candidato Fernando Guitián. Tamén ao ex dirixente local Manuel Dacosta, quen fora pre candidato á alcaldía xunto con Natalia Salgueiro durante unha semana. Para o entorno do grupo municipal dos populares, Fernando Oriol pasou dunha posición próxima a estes a ser un dos promotores do seu afastamento das candidaturas. A actitude de Oriol foi "otra puñalada por la espalda", que recibira o grupo, afirmaron.

"Si el PP no responde al PP, seremos nosotros los que lo representemos". Esta afirmación chegaba á Redaccións próximo a media noite de parte dun dirixente local tamén membro da xestora local, desconforme co afastamento dos actuais concelleiros de goberno da lista electoral. De feito, afirmou que boa parte da estrutura humana que sostén o partido na bisbarra é de xente afín ao grupo de Salgueiro e Troncoso. Unha estrutura que afirmou se consolidou nestes derradeiros anos, co traballo desenvolvido pola xestora. O dirixente referiuse especialmente aos casos das parroquias de Couso e Borreiro, onde o partido " a tiña moi difícil". A posibilidade dun cisma nos populares "xa ten antecedentes no concello", fundamentou a fonte, quen asegurou que boa parte desta xiro político dentro do partido débese ao presunto abandono de Gondomar por parte da dirixencia provincial, que xa non entende que este concello sexa estratéxico na carreira para a reelección de Louzán.

A reticencia das fontes a "dar a cara" fundamentouse no consenso de "agardar a visita de Rafael Louzán". Unha derradeira esperanza de dar volta unha decisión que entenden inxusta coa lealdade demostrada polo actual grupo municipal ao partido, aseguraron.

Pero o venres amosou máis matices da interna popular. O Secretario Xeral Miguel Ángel Jorge afirmaba ao xornal Faro de Vigo que poñía a disposición do partido os seus cargos, polas súas diferenzas co o candidato Fernando Guitián e tamén co grupo municipal, dirixido pola súa cuñada Natalia Salgueiro. Cabe recordar que no mes de xaneiro o nome de Miguel Ángel Jorge foi manexado por un sector de Novas Xeracións do PP para a alcaldía de Gondomar.

O que tamén deu a cara foi outro referente parroquial do PP, o presidente da Entidade Menor Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez, quen amosou conformidade coa formación dunha lista municipal do PP sen a presenza de ningún dos actuais concelleiros do grupo municipal. Se ben a actitude de Esmerode é de cautela co relación a súa permanencia no partido logo das municipais, afirmou que está á espera dunha resposta de Guitián a unha serie de formulacións que fixo en relacións a proxectos na súa parroquia. O enfrontamento de Esmerode coa actual xestora local levouno a pedir a baixa como Vicesecretario Xeral da mesma.

As próximas horas amosarán o futuro do PP Gondomar. Dende a Redacción tamén intentouse falar co candidato Fernando Guitián pero tampouco foi posible no correr da xornada. O que xa é innegable é a existencia dunha situación de enfrontamento que ameaza cun cisma no grupo local dos populares. Cisma que tamén podería derivar nun pedido de responsabilidades ás autoridades provincias e autonómicas que alentaron a moción de censura de 2009 para desaloxar do Concello ao rexedor nacionalista Xosé Antón Araúxo, e que agora intentan "facer limpeza cargándose a aqueles que foron leais ao partido", afirman dende o entorno do grupo municipal.