Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Rafael Louzán pediu "tempo e calma" aos populares de Gondomar pero non resolveu o conflito interno.

Rafael Louzán pediu "tempo e calma" aos populares de Gondomar pero non resolveu o conflito interno.

Correo-e Imprimir PDF
sede-PP-Gondomar

Finalmente produciuse esta tarde a reunión do presidente provincial do PP Rafael Louzán con membros da Xestora local, presidida por Eladio Balgiela, en Gondomar. Segundo fontes populares, o presidente Louzán pediu "tempo e calma" para solucionar o actual enfrontamento entre o grupo municipal e o actual candidato a alcalde Fernando Guitián. A decisión de Guitián de deixar fóra da lista ás municipais aos actuais concelleiros do PP, non foi rexeitada nin confirmada por Louzán, afirmaron.

O malestar entre militantes do Partido Popular naceu antes da propia designación do actual candidato. De feito, na xuntanza da Xestora local do sábado 5 de febreiro varios militantes amosaban anoxo pola negativa da dirección provincial a aceptar as candidaturas de Natalia Salgueiro e mais Manuel Dacosta xurdidas desa estrutura. Máis tarde, e logo da imposición da candidatura Fernando Guitián o mércores 9 de febreiro, o presidente Louzán prometera a xestora local que a lista final de candidatos se realizaría "escoitando ás parroquias". Por si fora pouco e para darlle maior tranquilidade ao grupo municipal de concelleiros, o día da presentación oficial da candidatura de Guitián, Rafael Louzán dedicou case a totalidade do seu discurso a fundamentar a moción de censura de 2009 e a eloxiar o traballo feito polos concelleiros populares ata de agora. Sen embargo o pasado xoves 3 de marzo Guitián comunicáballes aos membros do grupo municipal de concelleiros que non ían estar na lista da súa candidatura. Lista que efectivamente ía a conformarse escotando ás parroquias pero deixando de lado a estrutura orgánica do partido a nivel local.

O candidato Fernando Guitián actúa por libre e contacta persoalmente a persoas influentes nas distintas parroquias do concello, informan fontes populares. O candidato conta cun equipo electoral que o asesora pero onde segundo denunciaron dende a propia xestora local, ten a voz cantante un grupo de persoas que non foron elixidas para estar alí. De feito o ofrecemento de Guitián ao actual concelleiro non adscrito Manuel Gómez, caeu mal nun importante número de militantes do PP na parroquia de Mañufe. Para estes a actitude de Guitán foi desconsiderada cos líderes populares tradicionais desa localidade, pois o candidato formulou primeiro o ofrecemento a Gómez antes que aos referentes populares.

A todo isto, únese a crítica doutro dos sectores afectados polas declaracións públicas de Guitián cando afirmou que o PP de Gondomar necesitaba "regenerarse", como fundamento da eliminación dos actuais concelleiros de goberno da listas de maio. A devandita "regeneración" o candidato a relacionou nas súas declaracións ao "clima de crispación" que vive o concello en materia política. Ao grupo municipal pareceulle unha crítica directa de Guitián á moción de censura de 2009 contra o nacionalista Xosé Antón Araúxo decidida polo propio PP. Ademais fontes do entorno do actual grupo de concelleiros de goberno cuestionaron que nese marco de "regenracion" Guitián deixe de lado aos concelleiros populares que son "beneficiarios de transfuguismo pero non tránsfugas", e invite a Gómez sobre quen si recae a sentencia de transfuguismo.