Martes, 30 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía "O monte arde por intereses económicos" din brigadistas e axentes forestais

"O monte arde por intereses económicos" din brigadistas e axentes forestais

Correo-e Imprimir PDF
brigadista denuncian

-Denuncian a falta de prevención dos nosos montes e critican que os distintos gobernos teñan apostado por políticas de extinción e non de prevención. Falan de "ocultismo tremendo" sobre o número de lumes e din que a súa intencionalidade estase utilizando como unha escusa. Vídeo no interior.

Son Xosé Arca (en twitter: @arxons), veciño de Cuntis e axente forestal, e David Iglesias (en twitter: @sondomorrazo), veciño de Marín e brigadista da helitransportada. Os dous levan anos loitando contra o lume e saben do que falan. O blog quinteirodoumia fíxolles unha interesante entrevista na que abordan todos os aspectos que rodean os incendios en Galicia. As súas opinións son ben esclarecedoras.

 E por que segue ardendo o noso monte?. "Porque hai quen ten interese económico no monte", apunta o axente forestal David Iglesias. "Aínda que a madeira queimada perde valor, segue valendo para facer pasta de papel ou palés e caixas", engade Xosé Arca, brigadista da helitransportada. "O problema é permitir o monocultivo en Galicia", engade David.

 Pero tamén arde por falta de prevención. David Iglesias di que non ha hai, "que non existe". "O pouco traballo que se facía eran as brigadas fixas de todo o ano". Así subliña que antes facían 40 obras nun distrito forestal --soe abarcar varios concellos-- e que agora "non se fai nada". Neste sentido, Xosé Arca puntualiza que hai 20 anos había máis unidade e máis conciencia por parte de todos os partidos políticos en fomentar a prevención, "pero é que tampouco se executou de forma efectiva", engade. Por iso, apostan por adicar os cartos da extinción en previr que haxa incendios.

 Previr para non extinguir

 E como se pode evitar que cada ano ardan os nosos montes?. Os dous profesionais tamén o teñen claro. "O único é apostar por un servizo de prevención e extinción de incendios público, profesionalizar o servizo contraincendios que hai agora e facelo público. Hai que sacalo das mans privadas", insiste David Iglesias.

 "Unha soa hectárea queimada é sempre unha mala noticia", apunta en relación á superficie queimada e lembrando o balance "moderadamente positivo" que Feijóo fixo hai unha semana sobre a campaña de incendios. "Iso é falar por falar. Arde máis que outros anos e queren facer ver que arde menos", engade Iglesias. "Está de campaña", engade Arca.

 Neste sentido critican o "ocultismo tremendo" que existe á hora de informar dos incendios forestais. "Antes un podía acceder a todos os lumes que había en tempo real e agora só a un que teña máis de 20 hectáreas", indica Iglesias que, ademais, aclara que a este tipo de lumes só tivo que acudir en dúas ocasións e noutros distritos forestais. "Claro, e agora escoitas a radio e pensas que é unha marabilla en comparación con antes porque só se falan dos lumes de máis de 20 hectáreas", subliña.

 "Escusas"

 Ambos os dous profesionais tamén teñen claro que a intencionalidade dos lumes forestais está sendo utilizada como unha "escusa" da Xunta para evitar responsabilidades. "A maior parte dos montes sempre arderon por causas provocadas o por neglixencias e a única maneira de acabar con iso é a concienciación e a posta en valor do monte", aclara Iglesias.

 E sobre esta cuestión queren deixar claro que os brigadistas non están detrás do lume, ou polo menos así cren eles en base a súa experiencia. E é que, agora, a diferenza de antes, xa non se contrata a máis xente "arda máis ou menos". "Eu como brigadista vou cobrar o mesmo ao final de mes independentemente das horas que bote. O outro día estiven 18 horas no lume de Oia e vou cobrar igual a final de mes", indica o brigadista helitransportada, Xosé Arca. "O meu caso é exactamente o mesmo. cobro o mesmo estando nun posto que estando nun lume", apunta o axente forestal Iglesias.

 En relación á proximidade de moitos lumes a núcleos de poboación, ambos os dous concordan que o problema non é dos incendios, senón político, de quen goberna e de quen permite iso a través dos plans de ordenación territorial. "Non se lle pon freo a iso", apunta Iglesias. "E tamén que moito do monte é privado e agora está abandonado", engade Arca.

 As políticas forestais

 Nesta entrevista tamén se abordan as "grandes innovacións" en política forestal da Xunta. Sobre isto, apuntan o retorno, novamente, das brigadas municipais. Tanto Arca como Iglesias critican os cambios que os distintos gobernos da Xunta teñen introducido na política de contratación das brigadas, desde os gobernos de Fraga, ata o de Feijóo, pasando polo bipartito. "E agora temos un servizo contra incendios en pleno desguace", indica Iglesias. "Antes, polo menos, nas brigadas había xente con experiencia. Este ano déronse caso de brigadas sen experiencia", engade Arca que critica que tampouco se cobren as baixas na brigadas. "Como é iso de que te poida chegar unha brigada cun capataz e un peón e iso xa conta como unha brigada", ironiza David. "E que como mínimo terían que ser de catro persoas", engade Xosé.

 Tamén falan do compañeirismo que existe entre os efectivos contra o lume, aínda que aclaran que non son o mesmo os brigadistas que os efectivos da unidade UME do exército desprazados a Galicia. "Para min son compañeiros como outros calquera", di Arca pero critica que se fale dunha "militarización" dos incendios. "O outro día nunha portada de La Voz de Galicia semellaba que fora a UME a que apagara o incendio de Oia. E que faciamos nós alí traballando 19 horas? ", preguntase. Iglesias apunta, ademais, a dificultade que hai para cousas tan sinxelas como pedirlles auga dunha das súas motobombas a outras das brigadas. "Teñen que chamar ao xefe e este a outro xefe... Tardas menos indo ti a collela ao pozo", engade.

 E como conclusión insisten a necesidade de ter un servizo público de defensa contra incendios e sacalo de mans privadas e facer "listas únicas" e "mando único".

Dim lights Embed Embed this video on your site

Información recollida polo medio colaborador Galicia Confidencial