Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG de Nigrán critica a baixada de tributos ligados á construción votada no Pleno.

O BNG de Nigrán critica a baixada de tributos ligados á construción votada no Pleno.

Correo-e Imprimir PDF
IMAG0003

-Os nacionalistas opóñense á rebaixa dun 15% a un 20% (segundo módulos) aprobada polo Pleno de Nigrán do mes de decembro, ao imposto de construcións e á taxa por licenzas de obra.

-" Non pretendemos discutir a adecuación dos módulos aos valores reais de mercado, pero si o obxectivo final que se persegue", sinalou o portavoz Xavier Rodríguez, no senso que a medida beneficiará ao seu entender aos promotores inmobiliarios nun momento onde se carga impositivamente ao resto da poboación.

O concelleiro Xavier Rodríguez (BNG) criticou a diminución do importe a pagar polo Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), así como pola expedición de licenzas urbanísticas, votada polo pleno de Nigrán.

" Non pretendemos discutir a adecuación dos módulos aos valores reais de mercado, pero si o obxectivo final que se persegue, que non é outro que a rebaixa da carga impositiva ligada á actividade construtiva", sinala Rodríguez. Nese senso, agregou que "Parécenos un contrasentido cobrar por ducharse nas praias, ou incrementar o IBI, ao mesmo tempo que se lle rebaixan os impostos aos promotores".

Para o Bloque "Esta non é máis que outra nova mostra da liña seguida polos gobernos do Partido Popular en materia de fiscalidade, xa sexa a nivel local, autonómico ou estatal, que todos paguemos máis para que uns poucos paguen menos. Outra boa mostra desto foi o incremento da taxa sobre os vados para os particulares, e a privatización do servizo de retirada de vehículos, mentres se lle rebaixou para os aparcamentos públicos", agregan.

Xavier Rodríguez destaca nun comuicado da agrupación que se dunha actualización dos prezos medios se trataba, "tamén podería actualizarse o tipo impositivo aplicado, que en Nigrán é do 2% para vivendas, mentres en Vigo está situado no 3,5%."

Segundo o concelleiro, o informe de Intervención advertía que o importe das taxas de licenza urbanística "está moi lonxe de cubrir os gastos inherentes a súa tramitación" De tal xeito que para o portavoz, sería desexable desvincular o seu cálculo dos orzamentos das obras e establecer unhas cantidades fixas que se acerquen máis ao custe real da súa tramitación.

"En definitiva, criticamos esta utilización da fiscalidade por parte do PP que, mentres se incrementan os servizos polos que temos que pagar todos, ou os impostos e taxas de carácter universal, se rebaixan os tributos que afectan a determinados sectores", opinou. "E aínda máis criticable nos parece a postura de formacións como UCN ás que lle parece escasa a rebaixa, o que interpretamos como posicións nostálxicas de tempos anteriores nos que dominaba a especulación urbanística, e que tan funestas consecuencias tiveron para a nosa economía", afirmou Rodríguez.