Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán finalmente aplicará unha rebaixa ás taxas urbanísticas aínda que menor ca a proposta por UCN-CDL.

Nigrán finalmente aplicará unha rebaixa ás taxas urbanísticas aínda que menor ca a proposta por UCN-CDL.

Correo-e Imprimir PDF
Monteferro

Cos mesmos argumentos que expuxera o concelleiro Fernández Comesaña (UCN-CDL) no pasado pleno de decembro para baixar as taxas que gravan a construción e reforma de vivendas en Nigrán -e que fora rexeitada-, o alcalde Alberto Valverde anuncia que promoverá unha rebaixa de entre un 15% e un 20% nas mesmas no vindeiro pleno do mércores 30 de xaneiro. A proposta orixinal do concelleiro Fernández Comesaña estimaba que as rebaixas debían roldar entre un 50% e un 80% para axeitar os valores á realidade económica e situar os prezos en cifras similares ás de Vigo.

O goberno municipal de Nigrán anuncia que levará ao pleno do próximo mércores 30 de xaneiro dúas propostas dirixidas "a reducir a carga impositiva sobre os veciños de Nigrán". Estas propostas contemplan a redución tanto do ICIO (Imposto sobre as Construcións, Instalacións e Obras) como das taxas polo outorgamento de licenzas urbanísticas ou realización doutras actividades urbanísticas relacionadas de entre un 15 e un 20%, "en función da tipoloxía da vivenda ou da actuación", indican nun comunicado.

O obxectivo destas propostas, sinalan dende a alcaldía "non é outro que adaptar a carga impositiva sobre estas cuestións á realidade socioeconómica actual, xa que dita carga atópase regulada por unha ordenanza fiscal aprobada polo anterior goberno bipartito en 2009, nun contexto socioeconómico que dista moito da realidade actual", sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Máis concretamente, o goberno municipal adiante que propoñerá "unha rebaixa para as vivendas de uso residencial e vinculado dun 20%, mentres que a redución a aplicar nos usos restantes sería dun 15%."