Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A Ramallosa e a Noite de San Xoán son os primeiros obxectivos da Xunta Local de Seguridade de Nigrán.

A Ramallosa e a Noite de San Xoán son os primeiros obxectivos da Xunta Local de Seguridade de Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
xunta-local-de-seguridade-d

A Ramallosa será obxecto dun control de seguridade coordinado pola Policía Local de Nigrán, a Policía Nacional e a Garda Civil. Así o comunicou o alcalde Alberto Valverde logo da instalación e primeira reunión da Xunta Local de Seguridade que tivo lugar este xoves 10 de maio. A vindeira reunión celebrase dentro dos 15 días anteriores á celebración das fogueiras de San Xoán, co obxectivo de coordinar un dispositivo conxunto específico para esa noite.

Instalación da Xunta Local de Seguridade.

O organismo consultivo estará presidido polo alcalde Alberto Valverde, á vez responsable persoal da Concellería de Seguridade do municipio. Integrarán tamén a xunta o tenente de alcalde Ignacio Vilas; a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva; o subdelegado do goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o vogal da subdelegación do goberno, Alberto Seoane Riobó, o Inspector Xefe Local da CNP adscrita a Xunta de Galicia en Vigo, Santiago Rodríguez; o Coronel Xefe da Garda Civil, Antonio Iglesias Sala; o Inspector Xefe da Policía Local de Nigrán, Enrique García, e o tenente da Garda Civil, Francisco Antonio Torres.

Controis de alcoholemia e reforzo de efectivos nas madrugadas d'A Ramallosa.

Entre os temas abordados, fíxose fincapé na atención d'A Ramallosa, especialmente os fins de semana. Nese senso o rexedor municipal informou que "Adoptamos mellorar a comunicación entre todos os corpos de seguridade -Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil- para que incremente o fluxo de información que nos permita coordinar e realizar dispositivos de actuación conxuntos, como controis de alcoholemia ou o reforzo de efectivos nas quendas de mañá para cubrir a saída da discoteca situada na Ramallosa".

Para a Garda Civil Nigrán "é tranquila"

Na súa intervención, a Garda Civil fixo balance dos datos estatísticos en materia de seguridade, destacando que a demarcación en que se integra Nigrán "é tranquila", segundo informouse ao rematar a xuntanza. En canto a asuntos delituosos como os producidos en locais comerciais de Nigrán fai uns fins de semana, os representantes do corpo de seguridade manifestaron que trátase duns "acontecementos puntualmente realizados por itinerantes que finalmente acaban sempre detidos".

Tramitación do DNI en Nigrán.

Alberto Valverde informou á Xunta Local de Seguridade sobre o mantemento das xestións necesarias para a implantación da tramitación do DNI no municipio. Nese senso, tal e como adiantou uns meses atrás no seu primeiro encontro co subdelegado do goberno en Pontevedra, "Nigrán atópase nas listas de concellos que poderán ofrecer este servizo", asegurou o alcalde.

Seguridade nas festas de San Xoán.

A noite de San Xoán foi outro dos asuntos abordados nesta reunión, na que se estableceron as formulacións iniciais e acordouse a celebración dun encontro a quince días da data para coordinar un operativo específico para esa noite, "no que todas as forzas de seguridade implicadas colaborarán para garantir o mantemento da orde pública e a seguridade dos nosos veciños e veciñas", agregou Valverde.