Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG presenta unha iniciativa para que o Concello de Gondomar esixa a retirada do anteproxecto da LOMCE

O BNG presenta unha iniciativa para que o Concello de Gondomar esixa a retirada do anteproxecto da LOMCE

Correo-e Imprimir PDF
non lomce

-Presenta tamén unha moción contra a supresión dos xulgados de paz e para que se garanta a gratuidade dos servizos prestados polos Rexistros Civís.

A iniciativa nacionalista contra o anteproxecto de lei da educación salienta que o texto " é fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático". Nese senso, lembran que precisamente contra a LOMCE a comunidade educativa desenvolveu a pasada semana peches nos tres concellos do Val Miñor. Por este motivo o BNG propón que o Concello de Gondomar reclame a retirada deste Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa e esixa que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do estado a súa retirada "por invadir as súas competencias."

Moción para o mantemento dos Xulgados de Paz

A outra moción presentada polo BNG reclama que o Concello de Gondomar exprese o seu rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e das Notarías das funcións dos Rexistros Civís. Agrega que a administración local debe instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como a que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.

Ambas as dúas propostas foron ingresadas por rexistro municipal o pasado 30 de novembro a fin de que sexan admitidas e levadas ao pleno pola alcaldía. Cumpre lembrar que o BNG de Gondomar quedou sen representantes no pleno da corporación cando os cinco edís que asumiron pola devandita lista nacionalista, pasaron á formación de ANOVA, actuando na actualidade como non adscritos.