Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Fernando Guitían pecha un intenso período de selección de candidatos do PP Gondomar.

Fernando Guitían pecha un intenso período de selección de candidatos do PP Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Rafael Louzán presenta oficialmente a Fernando Guitián Guitían como candidato a alcalde de Gondomar polo PP.

Fernando Guitián Guitián foi presentado por Rafael Louzán como o candidato do consenso nas filas populares. O enxeñeiro industrial de 46 anos, nado en Vigo e veciño da vila de Gondomar, afirmou que a decisión persoal de aceptar o a proposta da dirección provincial do PP foi relativamente rápida. Nunha rolda de prensa celebrada na sede do PP Gondomar, Guitián evadiu adiantar nomes de posibles compañeiros de lista ás eleccións de maio. O candidato tampouco quixo falar de contidos de programa ou orientacións políticas sobor o súa candidatura. De feito, Fernando Guitián apenas falou uns poucos minutos nos que afirmou que “hai ideas” que se irán traballando e que “se contará con todos” na formación do futuro equipo de campaña. Pola súa banda, Rafael Louzán, presidente provincial do PP asegurou que “Gondomar terá un alcalde cunha inmensa capacidade de traballo, decidido a modernizar, escoitar aos veciños e converterllo nun lugar onde todos queiran vivir”.

Segundo informaron fontes populares, a candidatura de Fernando Guitián tramitouse rapidamente unha vez presentadas publicamente as pre candidaturas locais de Natalia Salgueiro e mais Manuel Dacosta. De feito logo da reunión mantida o pasado sábado 5 de febreiro entre a directiva provincial e a xestora local do PP-G, o compromiso de Guitián e mais o consenso na xestora local acadouse en catro días. Para iso Guitián tería mantido conversacións polo menos co presidente da xestora Eladio Bargiela e co a propia Natalia Salgueiro na busca dun acordo que permitira unha candidatura consensuada.

A dimensión da intensidade da etapa de selección do candidato popular para Gondomar estivo reflectida nas reiteradas oportunidades nas que Rafael Louzán utilizou o termo “valentía” para definir a actitude e adxectivar a decisión de aceptar o cargo por parte de Guitián. De feito, nos últimos meses unha ducia de nomes foron barallados, estudados e nalgúns casos visitados por membros da xestora local e da dirección provincial sen resultados positivos. A propia concelleira Natalia Salgueiro foi protagonista dalgunha desas entrevistas con posibles candidatos antes da súa propia postulación co apoio da maioría da xestora local.

A moción de censura 2009: a xustificación de Louzán e a caída da candidatura de Salgueiro.

Rafael Louzán dedicou boa parte da súa intervención a xustificar unha vez mais a moción de censura que en 2009 destituíu do seu cargo de rexedor a Antón Araúxo. O presidente provincial volveu a basear a decisión na descrición dun suposto escenario de goberno dunha minoría de 5 contra unha oposición maioritaria de 12. Para Louzán, a minoría nacionalista foi a que arrebatou ao PP o goberno “lexítimo” obtido nas urnas con 7 concelleiros e afirmou que de feito segundo a nova reforma electoral que está a aprobarse no congreso, o caso Gondomar estaría fora dunha hipóteses de transfuguismo. Tamén reiterou o argumento de que tratábase dun “goberno que non resolveu, un goberno ineficaz,” e que foi grazas á coalición de goberno co Move Gondomar e os non adscritos que “intentouse recuperar ese tempo perdido”. De feito, Louzán agradeceu publicamente e dixo estar moi satisfeito coa labor dos que acompañaron ao PP nesa tarefa como có grupo municipal encabezado polo alcalde Martín Urgal que levou adiante o proceso.

Sen embargo, a pesar destas manifestacións do líder popular, para algúns militantes e membros da xestora local a falla de apoio á candidatura de Natalia Salgueiro pon certo manto de dúbidas sobre á satisfacción dos dirixentes provincias. Algúns membros da xestora local saíron visiblemente ofuscados da reunión do pasado sábado 5 de febreiro. A falla de apoio do equipo de Louzán ás pre candidaturas locais, en especial á da portavoz Natalia Salgueiro foi interpretada como unha omisión a vontade “dos que estamos sempre e damos a cara aos veciños de Gondomar”. Para moitos observadores políticos, a factura da moción de censura a rematou pagando a candidatura da portavoz municipal.

O currículo de Fernando Guitián Guitián

O currículo oficial de Fernando Guitián Guitián non contén nin unha soa referencia política. Nun folio tamaño A4, o candidato é presentado pola dirección provincial do PP como un profesional liberal que comezou a súa carreira no ano 1990 na empresa COPASA onde exerceu como xefe de obra na conservación de estradas e como supervisor de instalacións en Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) de San Cibrao das Viñas, Ponteareas e Vilalba, e participou tamén na ampliación do emisario submarino da EDAR de Vigo. Co relación a súa actividade profesional na vila, menciónase a participación no saneamento integral de Gondomar. Entre os anos 1999 a 2000 foi xerente da empresa Sociedad Anónima de Gestión de Servicios y Conservación, GESECO, pertencente ao grupo COPASA. Entre 2001 a 2006 foi o director de proudcción de Construcciones Conde S.A. na construción de edificios de vivendas e industrias. Na actualidade é socio director de HACEMOS unha empresa relacionada coa enxeñería e a arquitectura.

Presenzas e ausencias no acto de presentación da candidatura de Guitián.

Novamente a ausencia de Martín Urgal non pasou desapercibida. O actual rexedor de Gondomar non estivo presente para apoiar ao novo candidato nin achegou ningún saúdo que fora lido publicamente. Por iso non puido escoitar o recoñecemento que fíxolle Rafael Louzán “polo seu traballo e lealdade“ , nin tampouco que o PP espera que se manteña no seu posto ata a transición do mando.

No acto de presentación da candidatura de Fernando Guitián estiveron presentes o presidente provincial do PP Rafael Louzán, o vicepresidente provincial José Manuel Figueroa, a secretaria xeral do PP de Pontevedra Begoña Estévez e a maioría da xestora local do PP Gondomar presidida por Eladio Balgiela.