Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde O prezo da contaminación en Galicia

O prezo da contaminación en Galicia

Correo-e Imprimir PDF
ENCE en Pontevedra

Galicia ostenta outro triste récord, ser unha das autonomías do Estado máis contaminante. Unha situación que se produce, ademais, cando o país é un dos máis verdes da península.

Sen embargo, o estudo do biólogo Ramón Varela, ex presidente de Adega, sobre os datos do PRTR-2012, publicados agora e que publica Google News a través da Axencia EFE, destaca que Galicia duplica a media do Estado, tanto no global de contaminantes como en CO2, "superando amplamente a zonas industriais tan importantes como Cataluña ou o País Vasco".

Por iso, este experto cree que hai industrias que ocultan información. “Aínda sendo alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos”, suliña. E, entre as principais industrias implicadas na contaminación atmosférica están as centrais térmicas, Alúmina-aluminio, a refinaría de petróleo, Ence, Ferroatlántica ou Finsa, que "emiten á atmosfera un volume de contaminantes moi elevado" en dióxido e monóxido de carbono, dióxido de xofre, compostos de nitróxeno ou metano.

Sobre as emisións de CO2 e os dereitos de emisión, apunta que algunhas industrias superan lixeira ou amplamente estes dereitos asignados, como a central térmica de Meirama, Bioetanol ou a central de carbón das Pontes, que, neste caso, duplícaos, mentres que noutros non chegan a emitir o asignado, como Repsol, Cemento Cosmos, a central de ciclo combinado das Pontes ou Finsa, mentres que "a gran maioría dos restantes, ao carecer de datos, non podemos saber se compraron, venderon ou se axustaron aos dereitos de emisión asignados".

Unha situación que ten que ver co "mercado" de emisións de CO2. Así, o prezo da tonelada en 2012 era de 7 euros, aínda que un ano antes era de 16 euros e en anos anteriores, de 30 euros por tonelada, de maneira que en 2013 os prezos seguiron caendo até 2,46 euros e en 2014 rexistrouse unha recuperación, que no pasado mes de outubro situouno en 6,30 euros.

Por iso, este experto considera que "o criterio de quen contamina paga está regalado para a industria sucia", pois "á industria sáelle máis barato comprar permisos para contaminar que investir en tecnoloxías limpas".

De feito, segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España), a galega é a terceira autonomía en quilogramo por habitante de emisións contaminantes e a cuarta por emisións de dióxido de carbono. Así, e se a media de emisións de todos os contaminantes atmosféricos PRTR en quilos por habitante é de 2.837, en Galicia é de 5.737; en Cataluña, de 1.637; e, no País Vasco, de 2.962 quilos.

En canto ás emisións de dióxido de carbono de complexos PRTR, tamén en quilogramos por habitante, Galicia figura con 5.703, mentres que a media do Estado é de 2.814, Cataluña de 1.619 e o País Vasco, de 2.930.

 

Ocultamento de información

"Os datos en moitos casos parecen incompletos e non aparecen en moitas industrias datos de consumos, verteduras, perfil ambiental" e outros, polo que considera que "puidesen estar a ocultar sistematicamente ou esporadicamente información", sinala. “Resulta sospeitoso que industrias similares en potencia, consumos, produtos que fabrican ou elaboran presentan notables ou grandes diferenzas na súa información no PRTR", engade. Varela.

Así, destaca que, no rexistro, Galicia aparece con menos do 3 por cento dos complexos do Estado, "pero, ao comprobar as emisións contaminantes (dióxido de carbono, dióxido de xofre, partículas...) representamos valores extremadamente elevados, comprendidos entre o 10 e o 20 por cento do total do Estado e, en casos excepcionais, valores maiores".

Para o especialista, trátase de "porcentaxes inxustificables tendo en conta o número e tamaño da nosa industria e os rexistros no PRTR (3%), a poboación (5,9%), a extensión xeográfica (5,8%), o PIB (5,4 %) ou o noso nivel de vida".

Ademais, ao observar as emisións por grupos de contaminantes, compróbase que Galicia ten "unha alta porcentaxe de emisións de efecto invernadoiro, da orde do 12 por cento do total que emite o Estado". Tamén resalta "porcentaxes elevadas", comprendidos entre o 7 e o 10 % de sustancias acidificantes/eutrofizantes/precursores de ozono e outros distintos do CO2 e compostos orgánicos persistentes.

Do medio colaborador - Galicia Confidencial