Hai uns días o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, comparecía ante o fiscal de delitos económicos. Tiña que dar conta dunha denuncia referida a tres locais situados en Vigo da súa propiedade. Os tres baixos están alugados a Severino Reguera Varela, concelleiro de Pazos de Borbén (PP) e tamén deputado provincial.
O fiscal de delitos económicos, Augusto Santaló, investiga se hai sobreprezo no arrendamento deses baixos, que están adicados a un negocio relacionado co pan. "Aquí o que se analiza é se o prezo está por enriba do valor do mercado. Unha cuestión difícil de saber porque do ano 2008 a hoxe hai unha diferenza evidente", explicaba o propio Louzán sobre o que cobra por eses predios.
Severino Reguera Varela destina eses inmóbeis a actividade da empresa Brunopan SL destinada, segundo o rexistro mercantil, á "venta de pan, confiteria, heladeria y cafetería" e que ten un capital social de 60.000 euros. Curiosamente, esta empresa non ten a súa sede en Vigo ou en Pazos de Borbén, senón no Polígono Industrial do Salnés, en Ribadumia, o concello natal de Louzán.
Nos datos do seu patrimonio depositados no organismo provincial, Reguera Varela detalla cupos hereditarios e tres locais comerciais por 69.241,04, 19.785,85 e 25.679,05 euros, respectivamente, así como participación nen Brunopan por valor de 60.000 euros, a metade dunha panificadora, 9.000 euros e o 20% dunha sociedade de investimentos, que suman 104.150 euros.
Relación co curmán de Louzán
E é nesta sociedade de investimentos onde hai unha nova conexión con Louzán a través do seu curmán en segundo grao, Juan Luis Abal Piñeiro. Esta empresa é Desarrollo Global Atlántico, S.L. e adicase ao "asesoramiento en inversiones, la compra y venta, gestión de acciones, participaciones y valores representantivos de fondos propios de sociedad o entidades residentes en territorio español o no, mediante la correspondiente organización de medios materiales y humanos". O seu capital social é de máis de medio millón de euros.
Tal e como xa publicou GC, Abal Piñeiro é tamén propietario de Áridos Curro S.L.(Aricur), que recibiu da Deputación de Pontevedra máis de 502.000 euros nos últimos seis anos.
Aricur gañou 15 adxudicacións nos últimos anos, varias delas mediante concursos sen publicidade ou a través da prolongación das contratas. As adxudicacións a Aricur son tan constantes que polo menos dúas veces a Deputación tivo que admitir no seu propio Boletín (BOP) que non lle adxudicaba máis contratos á constructora porque Aricur xa lle alugara todos os seus camións á propia Deputación.
Versión da Deputación
Consultada no seu día a Deputación no seu día sobre estes feitos, fontes oficiais explicaron a GC que "todo o relacionado con Áridos de Curro está legal". As mesmas fontes admiten que hai unha relación "familiar" entre Louzán e a empresa, relación que cualifican, iso si, de "moi, moi lonxana".
Ademais insisten en que Áridos de Curro xa traballaba para a Deputación antes de que Rafael Louzán fose presidente. Os voceiros oficiais defenden a legalidade dos procedementos nesa administración até o punto de invitar a todos os medios a consultar calquera expediente.
"O Atranco", merendeiro do PP e garaxe para a Deputación
Os dous primos, Abal Piñeiro e Louzán Abal, manteñen unha boa relación. Juan Luís Abal é quen tramita os permisos administrativos para a finca "O Atranco" en Ribadumia. Cando Mariano Rajoy comezou o seu veraneo o último agosto, Louzán (presidente do PP de Pontevedra) invitouno a el e a cúpula do PP galego a cenar na finca do seu primo segundo, tras dar un paseo pola beira do Umia ao que convocaron á prensa.
En realidade as cenas da elite conservadora na finca do primo de Louzán son frecuentes. Está situada ao pé do Río Umia, por cuxa beira a Deputación inagurou un paseo fluvial hai uns meses.
A ruta discurre todo o camiño pola banda esquerda do río. En Ponte Cabanelas, xusto cando a ruta chega ao Atranco, a Deputación decidiu que o sendeiro pase á beira dereita, evitando a finca de Abal Piñeiro.
Por petición de Abal Piñeiro, en 2010 a Deputación de Pontevedra autorizoulle ao Atranco un embarcadeiro. O Boletín Oficial de Pontevedra especifica que a obra non debe "impedir o paso pola zona de servidume". Porén, GC comprobou que toda finca está valada, violando a liberdade de paso que a Lei fixa para a beira de todos os ríos. De feito, a finca non só ten unha cancela todo ao redor, senón tamén está vixiada con cans e cámaras de seguridade.
Que xustifica tal vixilancia no Atranco, que está a uns centos de metros da casa natal de Louzán, ademais das cenas cos líderes do PP?. GC comprobou que na finca gárdase maquinaria de obra que, segundo fontes da oposición, traballa en contratas da Deputación de Pontevedra, parte dela propiedade de Aricur.
Unha rede de pequenas constructoras vive case exclusivamente da Deputación
De acordo aos boletíns oficiais, Aricur non ten ningunha outra contrata con administración algunha que non seña a Deputación de Pontevedra. Non é un caso excepcional, pois ducias de pequenas empresas de obras da provincia, a maioría baseadas na Comarca do Salnés que viu nacer a Louzán, traballan case exclusivamente para a Administraciónque preside o ex-concelleiro de Ribadumia.
O motivo deste continúo orballo de contratos é que a Deputación non licita todo o seu parque móbil ou subministros nun gran lote por varios anos, o que lle permitiría aforrar. Polo contrario, o parque móbil e os subministros divídense en ducias de lotes case idénticos cada ano -as veces máis de 70 nun só exercicio.
Isto permite que dende hai lustros un grupo de empresas da construcción de Pontevedra subsista en exclusiva das adxudicacións recurrentes da Deputación. Aricur é só unha delas.
Coa colaboración de GC, MV e PT.