-No Val Miñor tiveron lugar nove varaventos segundo datos do informe 2012 da rede.
O pasado ano 2012 rexistráronse un total de 214 animais varados pertencentes á fauna mariña ameazada (tartarugas e mamíferos mariños, momos e lontras) ao longo de toda a costa galega, a grande maioría cetáceos, un 92%, lobos mariños un 1%, un 6%, tartarugas mariñas, un 1% e outras especies como quenllas. No Val Miñor tiveron lugar nove casos, tres deles en Baiona e dous en Nigrán segundo o informe anual que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) presentará ante a Dirección Xeral da Natureza.
O devandito informe, agrega que a especie varada en maior frecuencia é o golfiño común con máis do 80% dos rexistros, sinala que apareceron outras especies como o arroaz , o golfiño riscado, o caldeirón, a quenlla peregrina e o cachalote. Un 3% foron exemplares non identificados.
Segundo esta fonte, a maioría dos cetáceos apareceron varados mortos e moitos deles en avanzado estado de descomposición polo que se descoñece a causa da morte, algúns presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo foron entregados a Rede de Varamentos para o seu estudo, e outros indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.
A CEMMA é a única entidade que coordina a Rede de Varamentos de Galicia. Esta semana tivo lugar a xuntanza anual das unidades de asistencia a varamentos de Galicia no Centro de Coordinación que esta entidade dispón na localidade de Nigrán. Na mesma, recompiláronse todos os datos que serán enviados puntualmente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, como rexistros oficiais, e avaliouse a situación e as peculiaridades da casuística.