Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Os Bolechas traballan co CEMMA na conservación do medio mariño

Os Bolechas traballan co CEMMA na conservación do medio mariño

Correo-e Imprimir PDF
Bolechas

Esta mañá, martes día 10, presentouse no Colexio infantil de Barciela, Vilaboa, o libro: OS BOLECHAS QUEREN SABER COMO SON OS CETÁCEOS DA NOSA COSTA, realizado polo ilustrador Pepe Carreiro. O traballo foi exposto mediante un audiovisual polo responsable das accións de educación ambiental en Galicia do proxecto LIFE+INDEMARES (http://www.indemares.es/) e presidente de CEMMA, o biólogo Alfredo López. Os nenos e nenas participantes da actividades gustaron da historia e das personaxes e durante as preguntas fixeron especial mención ao arroaz Gaspar, que moitos deles coñeceron persoalmente. No centro quedou unha colección de libros e carteis editados no ámbito do proxecto, para uso nas actividades docentes.

Este material específico sobre as actividades de conservación do medio mariño, e expresión do proxecto INDEMARES, foi deseñado especialmente para chegar ao público máis cativo coa idea forza das especies mariñas ameazadas e a conservación mariña. Dous conceptos de difícil comprensión mais perfectamente expostos na obra gráfica de Pepe Carreiro, asesorado no guión polo profundo coñecemento e experiencia da CEMMA.

A CEMMA fará entrega da publicación aos centros de ensino programando ata final de ano actividades co fin de sensibilizar coa problemática da conservación mariña. Tamén pode solicitarse no correo electrónico da entidade ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo ).

O proxecto

O proxecto LIFE INDEMARES ten como obxectivo contribuír á protección e uso sostible da biodiversidade nos mares competencia do estado español mediante a identificación de espazos de valor para a Rede Natura 2000.

Coordinado pola Fundación Biodiversidade, o proxecto ten un enfoque participativo e integra o traballo de institucións de referencia no ámbito da xestión, a investigación e a conservación do medio mariño: o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Medio Mariño (a través da Secretaría Xeral do Mar), o Instituto Español de Oceanografía, o Consello Superior de Investigacións Científicas, ALNITAK, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, OCEANA, a Sociedade para el Estudio de los Cetáceos en el Archipiélago Canario, SEO/BirdLife e WWF España.

A CEMMA no proxecto

As accións que se desenvolverán en Galicia e no Norte Peninsular, responsabilidade da CEMMA son continuación das liñas de traballo levadas a cabo nos últimos anos no Banco de Galicia e Canón de Avilés, no Golfo de Biskaia.

A CEMMA desenvolve dúas accións no ámbito do proxecto INDEMARES.

1º.- Recompilación de información nas áreas mariñas do Banco de Galicia e no asturiano Cañón de Avilés.

2º.- Educación ambiental orientada ao sector pesqueiro e á conservación mariña en todo o norte Peninsular. Esta acción vai destinada á análise da interacción entre o sector produtivo e os cetáceos con propostas de actuación para a conservación das especies así como á edición de materiais divulgativos, educativos e formativos, onde se enmarca o libro presentado.