Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O BNG reitera a necesidade de dotar dun servizo digno de emerxencias ao Val Miñor.

O BNG reitera a necesidade de dotar dun servizo digno de emerxencias ao Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
A ríada no Val Miñor 24 horas después que a Mancomunidade rexeitara unha proposta para reactivar o GRUMIR

O BNG reiterou esta tarde o chamamento ás forzas políticas da Mancomunidade para dotar ao Val Miñor dun Servizo de Emerxencias á altura das necesidades dos case 50 mil habitantes comarcais. Para o Bloque as recentes incidencias naturais como o lume, riadas e desbordes amosaron a fraxilidade do actual servizo mancomunado que tan só conta cun operario por garda. Os nacionalistas entenden que xa é hora que o PP, gobernante nos tres concellos da bisbarra, deixe de "abusar" da súa maioría absoluta e acepte unha xuntanza para atopar solucións mentres o Val Miñor non conte cun parque de bombeiros propio.

A solicitude do BNG xa foi exposta a través dunha moción de urxencia no pleno da administración comarcal do pasado martes 25 de outubro. Na devandita moción, buscábase un acordo que permitira solicitar aos organismos competentes (FEGAMP, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) as subvencións oportunas para o mantemento do servizo de emerxencias (EX -GRUMIR), tal e como se viña realizando anteriormente ao seu desmantelamento. Aproveitando a sentenza do Xulgado Nº1 de Vigo que cualificaba de improcedentes os despedimentos efectuados en abril pasado a 9 membros dese servizo; os nacionalistas propuñan dotar dunha partida aos orzamentos da Mancomunidade para o seu restablecemento. A moción non chegou a discutirse porque os concelleiros do PP votaron en contra do carácter urxente da iniciativa.

A pelota está no tellado do PP e canto antes resolvamos este asunto maior credibilidade estaremos dando a Mancomunidade como institución.

24 horas despois as inclemencias meteorolóxicas deixaron ao Val Miñor "asulagado polas catro esquinas", en palabras do concelleiro Antonio Araúxo, quen como voceiro das agrupacións miñoranas do BNG reiterou a chamada ao dialogo das forzas políticas da bisbarra. Araúxo salientou que a "Xunta de Galicia xa avanzou que primará especialmente todas aquelas actuacións ou prestacións de servizos que se fagan de xeito mancomunado entre concellos coma sería o caso. Isto podería facer que o val Miñor contase cun GRUMIR que nos saíse cun custe irrelevante repartido entre tres concellos".

O ex rexedor e actual concelleiro de Gondomar, opinou que o "PP tenlle alerxia ao debate" e "agarrándose ao pobre e peregrino argumento de que eran mocións de urxencia e que non as coñecían, impediron que tan sequera se debatesen, votando en contra da urxencia e impedindo así o seu debate."

Para Araúxo aínda hai tempo de cambiar o rumbo político da administración mancomunada. "A pelota está no tellado do PP e canto antes resolvamos este asunto maior credibilidade estaremos dando a Mancomunidade como institución, e a nós mesmos coma políticos representantes dos cidadáns. En todo caso, o BNG cumpriu coa súa obriga, a responsabilidade agora é exclusivamente do PP" manifestou.