Hai case un ano, o martes 15 de xullo de 2014 veciños de Chandebrito descubrían consternados a deturpación de dous dos seus emblemas parroquiais. Os conxuntos de arte rupestre de Chans de Rapadouro e da Lapela foran obxecto de actos vandálicos que os desfiguraron para sempre. Por si fora pouco, os autores da brincadeira tamén a acometeron contra os valados e sinalización que constituían parte do espazo de recreo e interpretación etnográfico e arqueolóxico financiado pola Unión Europea e iniciado en 2005. Chandebrito 1807, foi o colectivo que saíu a denunciar ante as administracións competentes o que estaba a pasar. A desfeita segue impune e o silencio administrativo foi a resposta acadada por estes veciños tanto do Concello como da Xunta de Galicia.
Na actualidade o enclave sufre o "abandono total e absoluto de sendeiros, rutas, sinalizacións e dos propios elementos etnográficos". Descrición axeitada pero que non pertence ao colectivo veciñal senón ao edil Juan González, agora alcalde de Nigrán, mais realizada en xaneiro pasado cando aínda integraba a oposición. Nesas datas, coa deturpación dos petróglifos inda como ferida aberta na parroquia, Alberto Valverde, entón rexedor, daba por rematado o proxecto iniciado en 2005 antes citado.
Nun comunicado público, daquela González laiábase que "Chandebrito e Nigrán perden deste xeito, e case definitivamente polo total e absoluto abandono, unha das súas sinais de identidade e bota por terra unha das maiores apostas de anteriores gobernos". Argumentaba que a decisión de Valverde de dar por rematado o proxecto rachaba coa posibilidade de revitalizalo. Entón en nome do PSOE reclamou ao equipo de goberno do PP que "sexan quen de, polo menos, limpar e manter o mellor posible este gran proxecto ata que un novo goberno tome as rendas desta parroquia e deste concello de Nigrán".
Antes e despois das declaración públicas do agora rexedor socialista, Chandebrito 1807 seguiu coas denuncias en reiteradas ocasións tanto ante a Xunta como ante o goberno municipal. Mais o único que obtivo o colectivo foron suxestións cara esquecer ou resignarse do que definiran interlocutores de patrimonio como un "delito case imposible de atopar responsables". Das autoridades de Nigrán, só máis silencio administrativo e algún reproche público do ex rexedor Valverde, na que atribuíu intereses partidarios ás denuncias deste colectivo neste e outro eidos.
Chandebrito 1807 reclama actuacións na parroquia ao novo goberno de #Nigrán.
O 24M modificou a conformación do consistorio de Nigrán, e dende a Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 entende que é hora de conversar co novo goberno das posibles iniciativas cara solucionar a situación do patrimonio parroquial. Nese senso, e tomando en conta aquel augurio de González a prol dun cambio na condución do Concello, os veciños esperan desta atopar solución a tantos problemas que afectan o seu territorio e patrimonio.
Nese senso, Carlos Gómez, representante da asociación, pediu unha entrevista formal que espera sexa aceptada axiña polo alcalde. Nela intentará achegar a Juan González diversos temas de interese parroquial, segundo dá a coñecer esta organización veciñal e cultural. Entre elas as actuacións para a protección do patrimonio cultural e medio ambiental de Chandebrito, inda sen acometer trala destrución vandálica .
Mais o colectivo tamén quere coñecer a opinión do novo goberno municipal noutros eidos de intereses parroquial como no referente á tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, transporte público e a chegada da rede de sumidoiros á totalidade das vivendas.
Tamén plantexarán a González a colaboración coa Deputación para mellorar a Estrada de Pracíns e promover a mellora do Camiño da Lapela dende o barrio da Igrexa até o Monte Alba.
Servizo de atención integral á veciñanza
Por outra banda a Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" informa que prestará un servizo de asesoramento, recollida de peticións, queixas e suxerencias, etc. á veciñanza de Chandebrito para trámites ante as administracións públicas (Concello, Deputación, Xunta de Galicia, etc.). que se realizaría de xeito experimental na pranta baixa da escola infantil tódolos martes do mes de xullo en horario de 20.00 a 21.00 horas.