A agrupación socialista asegura que presentou o pasado 27 de setembro unha moción de acordo para iniciar os trámites para a contratación dun equipo que redacte a modificación puntual das normas para "Axustar os núcleos rurais de Chandebrito á lexislación urbanística vixente". Sen embargo sinalan que a mesma non forma parte da orde do día do pleno ordinario de outubro a celebrarse este xoves. Responsabilizan da omisión ao concelleiro de urbanismo e ao alcalde Alberto Valverde de "atribuírse a potestade de decidir o que vai ou non vai a pleno".
O Partido Socialista de Nigrán presentou por rexistro o 27 de setembro a devandita iniciativa"dadas as nulas posibilidades de aprobación do PXOM en este mandato e intentar de este xeito dar solución a un gravísimo problema urbanístico nesta parroquia", sinala o voceiro do PSOE-Nigrán, Juan González. Engade que a pesar de estar presentada en "tempo e forma" o goberno de Nigrán e o "seu Alcalde e Concelleiro de Urbanismo deciden non levar a proposta socialista ao Pleno ordinario do mes de outubro tal e como correspondería".
Sinala que a moción de acordo é "unha proposta e unha decisión absolutamente política na que debe ser a corporación de Nigrán, xa que o goberno non da solucións, a que valore e decida por en marcha esta nova modificación das Normas Subsidiarias e non esperar a un Plan de Ordenación Urbana que é sabido ten un camiño moi longo por percorrer"
"Dende o Partido Socialista insistiremos e volveremos a pedir ao goberno de Nigrán que permita que os corporativos podamos discutir e finalmente tomar decisións, decisións políticas, ante os problemas reais dos nosos veciños e veciñas", advirte González.
A moción de acordo
Na súa parte resolutiva o acordo solicitaba iniciar de xeito inmediato os trámites necesarios para a contratación do equipo que redacte a modificación puntual das normas para “Axustar os núcleos rurais de Chandebrito á lexislación urbanística vixente”. Ao mesmo tempo instaba dar coñecemento de este acordo municipal á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia para que, ao igual que na tramitación da modificación puntual da UA 14, axilice e dea as máximas facilidades para que dita proposta sexa aprobada no menor prazo de tempo posible.
Antecedentes
Na exposición de motivos, o texto lembra que o 24 de outubro do ano 2010 o goberno municipal do Partido Socialista presentou unha moción coa mesma intención. Engaden que a inquietude fora daquela trasladada polos veciños afectados e as entidades que os representan. “Aquela moción facía fincapé na necesidade dun PXOM para todo o municipio que axudaría a solucionar moitos dos problemas xa non só de Chandebrito senón de todo o concello pero tamén éramos conscientes de que este PXOM podería tardar demasiado e que polo tanto había que tomar decisións encamiñadas a axudar aos moitos cidadáns de Chandebrito que, con moita probabilidade, non poderían esperar á aprobación definitiva dun PXOM.”
Segundo o PSO o resultado das eleccións municipais de maio de 2011 coa vitoria por maioría absoluta do PP “trocou, sen embargo, as intencións dos socialistas e dos veciños e veciñas de Chandebrito. O contrato para levar a cabo esta modificación foi rachado polo novo Alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, alegando que non se farían modificacións de ningún tipo porque aseguraba que nun ano Nigrán tería un PXOM aprobado”.
Dobre vara de medir.
“Non cabe dúbida que Alberto Valverde estaba usando unha dobre vara de medir xa que mentres negaban esta modificación aos poucos meses traería unha modificación puntual das normas para adecuar ao planeamento unha unidade de actuación en Praia América que xa foi aprobada de xeito definitivo polo pleno de Nigrán e pola Xunta de Galicia”, denuncian os socialistas no texto da moción.
Retomar a iniciativa
Engaden que “as esperanza” que Nigrán teña un PXOM aprobado definitivamente “está xa absolutamente esquecido e en mans do goberno que saia das próximas eleccións municipais. Porque a realidade é que Nigrán non ten nin terá novo ordenamento urbanístico con Alberto Valverde que o único que conseguiu foi botar por terra o traballo dos tres anos anteriores onde a transparencia, a participación e consenso dominaron todo o que facía referencia o futuro urbanístico de Chandebrito e Nigrán”.
Insisten en que cumpre retomar aquela iniciativa do pobo de Chandebrito recollida polo goberno socialista e que fora apoiadas por unanimidade do pleno no que participaba o actual alcalde, Alberto Valverde.