A acumulación de lixo ás beiras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de San Pedro e a canle do Río Muíños foi obxecto dunha inspección e apertura de investigación por parte dun operativo do SEPRONA. O vertedoiro ilegal acolle "rodas, neveiras, ordenadores, televisores, colchóns, restos de obras, e lixo de todo tipo, cun grave perigo sanitario e ecolóxico" salienta a agrupación socialista que denunciara os feitos días atrás. A pesar que Nigrán xa conta co seu punto limpo a poucos metros do lugar, o Concello de Nigrán aínda está a negociar con Zona Franca a compra do tramo do Camiño da Gándara para o seu acondicionamento, pois presenta tramos que imposibilitan o tránsito pesado ata as instalacións. "As ratas multiplícanse e se non se toman medidas inmediatas pode producirse un importante risco sanitario", advirte o edil Juan González (PSOE).
Segundo o concelleiro o goberno de Nigrán pechou días pasados cunha tela o perímetro deste vertedoiro, onde a propia administración deposita residuos. "Aos restos que depositan dende o Concello únese moitos veciños que se dirixen ao Punto Limpo, que non existe en Nigrán e que levan anunciando dende decembro de 2013 e que a sinalización tanto en autoestradas como outras vías dirixe cara este terreo a 100 metros do futuro punto Limpo", explica González.