Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O vertedoiro incontrolado a carón do punto limpo de Nigrán xa ten vixiante privado.

O vertedoiro incontrolado a carón do punto limpo de Nigrán xa ten vixiante privado.

Correo-e Imprimir PDF
Vixiante-2

Chantado no medio de restos de ordenadores, lavadoras e televisores vixía sen pestanexar os colchóns, xoguetes e podas que persoas anónimas están a depositar a carón do punto limpo de Nigrán. Sucede que a pesar dos múltiples anuncios da apertura do punto limpo municipal o recinto aínda está pechado, e algúns do que van coa carga deciden deixala a carón do terreo. O PSOE denuncia que boa parte dese lixo procede do propio Concello a través das verteduras de Vías e Obras así como diverso material en desuso que xera a propia institución municipal. Agrava a situación a proximidade do vertedoiro das ribeiras do río Muíños, algo que “un goberno xamais debe facer nin consentir”, segundo o edil socialista Juan González.

A historia do vixiante que non figura na plantilla municipal

Con humor o concelleiro Juan González sinala que ante as denuncias formuladas polo Partido Socialista o alcalde de Nigrán decidiu instalar un vixiante, en alusión a un manequim abandonado no lugar. “Imaxinamos que contratado a través dunha empresa privada xa que non está na relación de traballadores municipais, acción loable pero a todas luces insuficiente e cumpre unha inmediata rexeneración de este espazo de alto valor medio ambiental a carón do río Muíños e deixarse de parches coma este”, sinala.

Socialistas acusan ao propio Concello de Nigrán de verter o lixo.

Agrega que o vertedoiro atópase cada vez máis cheo de todo tipo de lixo. E responsabiliza ao  propio Concello “o que encárgase de verter o lixo de vías e obras, os ordenadores en desuso ou todo aquilo que se xera dende a institución municipal”, afirma

 “Ordenadores, lavadoras, rodas ou televisores mézclanse con restos de ramas, pedras formando inmensas montañas de escombro que son un claro exemplo da política medio ambiental do goberno de Nigrán”, engade González.

Advirte que esta realidade significa un duro revés ás inversións feitas para selar os vertedoiros de Porto do Molle (cun custo de máis 800.000€ financiados integramente pola Xunta de Galicia), o Vertedoiro das Tolbas (anexo a espazo que agora ocupa Mercadona e levado a cabo con fondos do Plan E), “e este mesmo vertedoiro a carón do Río Muíños que foi limpado e selado con recursos propios do Concello” informa González, quen reclama a inmediata limpeza do lugar.