Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG pedirá explicacións ao alcalde pola carga contra os afectados das preferentes en Nigrán

O BNG pedirá explicacións ao alcalde pola carga contra os afectados das preferentes en Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
preferentes pleno nigran febre 2013

 

-Os nacionalistas lamentan que Nigrán sexa o único Concello onde se cargou contra os afectados, pese a haber protestas deles en case todos os municipios do sur da Pontevedra

O Portavoz municipal do BNG de Nigrán, Xavier Rodríguez, pedirá explicacións no próximo Pleno sobre os incidentes ás portas da casa consistorial, mentres se desenvolvía o Pleno de aprobación dos orzamentos de Nigrán. O Bloque lamenta que despois de que as protestas dos afectados recorresen un bo número de concellos e, incluso, a mesma deputación de Pontevedra, sen que fose precisa ningunha carga policial; sexa precisamente “o noso Concello o que acapara os medios informativos por disolver con porras aos concentrados diante da casa do concello”.

“É triste que ao mesmo tempo que dous dos afectados nos explicaban o seu problema á Corporación, pedíndonos a celebración dun Pleno Extraordinario sobre a cuestión, que nós apoiamos absolutamente; ao mesmo tempo, insisto, e sendo nos alleos ao que estaba a suceder, a policía local cargaba contra os manifestantes”, sinala o voceiro Xavier Rodríguez .

O concelleiro do BNG explica porque non se retirou do pleno.

Tras os incidentes, o alcalde optou por trasladar a celebración do pleno ao auditorio, no que se prevía a aprobación dos orzamentos municipais de 2013, con presenza dos concelleiros do PP, e dos representantes de UCN-CDL, BNG e PSOE. O traslado do pleno produciuse polo balbordo da pitada exterior que facía imposible a celebración normal do pleno.
O PSOE e BNG preguntaron se ían permitir a entrada do público ao pleno, ao que o alcalde se negou, momento no que o grupo socialista decidiu abandonar definitivamente o pleno. O portavoz do BNG mantívose no seu asento para defender a súa moción de oposición aos orzamentos municipais que era un dos puntos a aprobar na orde do día do pleno.

“No BNG queremos deixar claro que non imos facer deixación das nosas funcións e, polo tanto, non vamos deixar que o Partido Popular aprobe en solitario e sen oposición cuestións tan importantes como os orzamentos municipais”, sinala Rodríguez. Agrega que non obstante, “estaremos sempre tamén para denunciar os excesos que se cometan contra as vítimas da estafa e, estaremos, igualmente para denunciar as arbitrariedades e limitacións nos dereitos das persoas, como o que sufrimos persoalmente ao impedírsenos o acceso á Xunta da Mancomunidade do Val Miñor”.

O voceiro nacionalista adianta que solicitará do alcalde de Nigrán “as oportunas explicacións dos incidentes, no seo da próxima sesión plenaria”.