Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Fernández Comesaña afirma que a privatización do servizo de grúa fíxose cun "contrato en fraude de lei".

Fernández Comesaña afirma que a privatización do servizo de grúa fíxose cun "contrato en fraude de lei".

Correo-e Imprimir PDF
Imaxe arquivo, coche abandoado en Prado (Priegue) - Foto: PP de Nigrán

-O alcalde Alberto Valverde defende o procedemento de contratación directa e acusa de "caro e ineficiente" ao servizo que se estaba a prestar ata de agora o municipio. Agrega que estuda medidas legais por difamación contra Fernánez Comesaña (UCN-CDL) e Juan González (PSOE) polas declaracións á prensa.

O servizo municipal de grúa pode que remate levando algo máis que vehículos e turismos no concello de Nigrán. Tralas acusacións do concelleiro Antonio Fernández Comesaña(UCN-CDL) publicadas onte, nas que denunciaba "irregularidades" na contratación da empresa privada que levará adiante o devandito servizo, o alcalde Alberto Valverde sinalou que os servizos xurídicos do concello estudan medidas legais por difamación contra o dirixente centrista polas súas acusacións. Medida que tamén abrangue ao portavoz Juan González (PSOE) polas súas declaracións ao xornal Faro de Vigo, nas que vincula a decisión a un trato de favor de Valverde "hacia simpatizantes de su partido".

O rexedor de Nigrán, Alberto Valverde defende a privatización do servizo de grúa municipal e sinala que o que se brindaba ata de agora por parte da administración local era "caro e ineficiente". Ao mesmo tempo ratifica o expediente de contratación directa polo que se adxudicou o servizo (17.990€ sen IVE) porque permítello a lexislación vixente que cifra o tope máximo deste tipo de operacións en 18.000€ sen IVE.

Nembargante, para o concelleiro Antonio Fernández a fórmula escollida polo goberno municipal para privatizar o servizo, por riba das deficiencias xa denunciadas, contén unha "trampa": os 17.990€ (sen IVE) que pagará o Concello de Nigrán non inclúen as intervencións que faga a empresa fóra do horario e durante os días domingos. "De facelo sobrepasaría claramente os 18.000€ e veríase obrigado a convocar a un concurso público". O que fixo o alcalde é "un contrato en fraude de lei" conclúe o concelleiro que ratificouse totalmente nas denuncias por irregularidades formuladas a Valminor.info e outros medios.

Nese senso "aplaude" e "anima" ao alcalde a que faga a devandita denuncia por difamación, así lle aforra dixo "ter que ir persoalmente a denunciar o caso á fiscalía".