Martes, 22 Sep. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Nigrán UCN-CDL denuncia irregularidades na contratación do servizo de grúa en Nigrán.

UCN-CDL denuncia irregularidades na contratación do servizo de grúa en Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
Antonio Fernández denuncia a privatización irregular do servizo de grúa municipal

- A pesar de contar cun informe contrario de Intervención, o alcade de Nigrán adxudicou por decreto o servizo de grúa municipal por un período de 12 meses a unha empresa privada.

- O municipio cedeu gratuitamente o vehículo sen fianza algunha por parte da empresa, segundo denuncia o concelleiro Antonio Fernández Comesaña (UCN-CDL)

- A empresa cobrará aparte os servizos realizados durante os domingos, a gasolina e o mantemento da grúa que correrán por conta do concello.

Por decreto de Alcaldía, mediante o procedemento de contrato menor Nigrán terá un servizo de grúa municipal tercerizado polos vindeiros 12 meses. A operación terá un custe de 21.228 euros (IVE incluído)e conta con reparos e informes desfavorables da Intervención Municipal, onde se advirte ao alcalde, entre outros, que o gasto é contrario "aos principios de boa administración e á eficiente utilización dos fondos públicos", segundo denunciou o portavoz de UCN-CDL, Antonio Fernández Comesaña.

Por outra banda, Fernández Comesaña que xa cuestionara a medida no pasado pleno, sinala que o importe será incrementado cos gastos de combustible, mantemento e reparacións, así como da correspondente póliza de seguros. Por riba, o concelleiro centrista advirte que o municipio a través deste contrato, cede gratuitamente un vehículo-guindastre propiedade municipal á empresa que xestiona o servizo," curiosamente sen fianza algunha que garanta os posibles danos que poidan ocasionarse durante a vixencia do contrato, a un ben de dominio público municipal", puntualiza.

UCN-CDL denuncia varias irregularidades do contrato

Para o concelleiro Fernández Comesaña, trátase dunha "contratación realizada de forma irregular e chafalleira", ao non haberse esixido á empresa adxudicataria certificados de estar ao corrente nas obrigacións fiscais e tributarias con Facenda así como coa Seguridade Social, "incumprindo a Lei de contratos do sector público, nin tampouco se acredita que a empresa estea dada de alta no Imposto de actividades económicas",puntualiza.

Ao concelleiro tamén chámalle a atención o horario de luns a sábado que exclúe os domingos, "cando precisamente no verán é máis necesaria, pero curiosamente será facturado a parte, a razón de 40 euros enganche e transporte ou 20 euros só enganche".

UCN cuestiona a conveniencia de levar a cabo a súa contratación finalizada a tempada estival "que é cando tería maior xustificación e non durante o inverno que a súa actividade será mínima ou case nula, a non ser que o goberno local pretenda utilizala con fins recadatorios", sinala Fernández Comesaña.

UCN propón un acordo comarcal para facer máis económico e efectivo o servizo de grúa.

UCN entende que o máis razoable e económico sería un servizo de guindastre xestionado pola mancomunidade para os tres concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona. Nese senso, Fernández Comesaña acusou ao alcalde Alberto Valaverde "o seu pouco interese en potenciar e dar cada vez máis contido ao ente mancomunado, xestionando servizos e optimizando recursos".