Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Comerciantes e o Concello de Nigrán preparan medidas contra a crise e o desemprego.

Comerciantes e o Concello de Nigrán preparan medidas contra a crise e o desemprego.

Correo-e Imprimir PDF
vender-mas-300x300

A Mesa Local de Comercio de Nigrán decidiu levar adiante unha serie de medidas co fin de reactivar ao comercio local, á vez que afrontar a crise do emprego no municipio. Para iso aprobouse solicitar diversas liñas de subvencións ás administración provincial e autonómica para a creación de obradoiros de formación con contratos de emprego, feiras de saldos do pequeno comercio, e un concurso de terrazas no verán.

 

Cursos de formación cun contrato de emprego.

A Mesa Local de Comercio aprobou hoxe a solicitude de subvencións e axudas ás administracións competentes -provincial e rexional- para a posta en funcionamento duns cursos formativos sobre actividades de venda dirixido a persoas en situación de desemprego, cun límite de 15 prazas. O curso terá unha duración de 590 horas, 510 horas teóricas e 80 de prácticas, e obriga aos comerciantes á contratación das persoas para realizalas. O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, subliñou o valor desta iniciativa e pediu colaboración por parte de todos os comerciantes, "xa que formará aos veciños e veciñas do municipio dándolles a oportunidade de iniciar unha nova traxectoria profesional e xerando postos de traballo".

Programa "Cliente misterioso", de carácter avaliativo.

Tamén se acordou solicitar axudas á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun programa de mellora da calidade dos comercios polo miúdo. A acción desenvolverase a través da introdución da figura dun "cliente misterioso", unha persoa que se fará pasar por un cliente auténtico para avaliar cuantitativa e cualitativamente os servizos que ofrece o negocio.

I Concurso de Terrazas

A MLC sacou tamén adiante o I Concurso de Terrazas de Nigrán, unha proposta do Concello de Nigrán, coordinada a través da concellaría de Turismo, Cultura e Deportes e da concellaría de Promoción empresarial, Comercio e Emprego, deseñada co obxectivo de estimular a actividade destes establecementos.

O concurso desenvolverase entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste ano, e estará aberto a todos os propietarios de establecementos con terrazas do municipio. A orixinalidade, a decoración, a calidade dos equipamentos e dos materiais utilizados serán os criterios que guiarán aos membros do xurado para designar ao gañador

Feira de oportunidades

Para rematar, o organismo deu por boa a proposta presentada polos comerciantes do municipio consistente na realización dunha feira de oportunidades en Nigrán, co obxectivo de liquidar stocks e axudar aos pequenos comerciantes a combater a crise económica que padece todo o territorio nacional.