Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar 40 rapaces de Gondomar reciben formación profesional gratuíta no concello.

40 rapaces de Gondomar reciben formación profesional gratuíta no concello.

Correo-e Imprimir PDF
concello gondomar

Un total de 40 rapaces adquirirán formación profesional nos sectores de xardinería e hostelería e realizarán prácticas en empresas da zona grazas a posta en marcha de dous cursos organizados e financiados integramente polo Concello de Gondomar. A iniciativa, segundo informaron os concelleiros responsables Ignacio Troncoso e Natalia Salgueiro, está deseñada pola Concellaría de Xuventude en colaboración con Formación e Emprego, e persegue non só a cualificación profesional dun sector poboacional que rexistra os peores datos de desemprego do Estado, senón tamén a súa incorporación ao mercado laboral.

 

Estes dous cursos, inscritos dentro das accións formativas promovidas anualmente polo Concello e dirixidos a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos (con preferencia para os veciños en situación de desemprego), teñen carácter gratuíto. Están estruturados en dous módulos, unha primeira parte teórica-práctica nas instalacións do Concello e, unha segunda, que se desenvolverá en diferentes empresas do sector.

Curso de xardinería

Despois de que o pasado venres 15 de xuño concluíse a formación teórica do curso de xardinería, cunha valoración moi positiva dos asistentes, este luns 18 arrancou o apartado práctico nas empresas. Cómpre destacar que este curso, impartido por pola empresa Formagal, ten unha duración de 100 horas, das cales o 60% están destinadas á formación teórico práctica nas instalacións do Concello e o 40% á estancia nas empresas. O número de solicitudes para participar superou amplamente as 20 prazas ofertadas.

Curso de camareiro

Por outra banda, o pasado luns 18 tamén comezou a impartirse o curso de camareiro, cunha duración de 100 horas, das cales 50 se destinan á formación teórico/practico nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local e outras 50 horas en diferentes establecementos hostaleiros da zona do Val Miñor. Tamén neste curso o número de solicitudes superou o número de 20 prazas permitidas.

O concelleiro centrista, Ignacio Troncoso, valorou moi positivamente este tipo de accións formativas, "xa que con elas non só se pretende contribuír á formación dos máis novos senón que tamén se pon a súa disposición a posibilidade de incorporarse ao mercado laboral coa realización de prácticas en empresas".