Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O goberno de Nigrán prepara unha ampla suba de tasas municipais que inclúen un "catastrazo".

O goberno de Nigrán prepara unha ampla suba de tasas municipais que inclúen un "catastrazo".

Correo-e Imprimir PDF
concello_nigran

A Comisión Informativa do pleno de Nigrán recibiu unha proposta do goberno municipal pola cal se aumentarán máis dunha ducia de taxas que atinxen a servizos prestados polo Concello, ou que gravan o patrimonio inmobiliario. No caso do Imposto sobre bens inmobles (IBI), que non se modificaba dende 2004, os urbáns pasarán a tributar un 0,52% (0.50% ata de agora) e os rurais un 0,42% (0,40%). Os aumentos tamén afectan entre outras as taxas de vehículos, o subministro de auga, e a prestación de servizos no cemiterio municipal. A oposición acusa ao alcalde Alberto Valverde de amosar "cales son as armas do Partido Popular para afrontar a crise económica". E cuestiona que se traslade aos cidadáns e empresarios de Nigrán unha suba "indiscriminada de impostos e taxas que inclúen un “Catastrazo” .

Vehículos.

Segundo información aportada polo voceiro socialista Juan González, aumenta nunha media dun 8% o imposto sobre vehículos. Como exemplo un coche de 12CV que ata de agora pagaba 98€, pasará a pagar 106€.

Licenzas urbanísticas.

O aumento da taxa polo outorgamento de licenzas pasará dun 0,10% a un 0,11% para vivendas de menos de 150m2 e aumentando un dous e incluso tres puntos en licenzas de primeira ocupación, informacións urbanísticas, aliñacións, etc.

Actividades económicas e apertura de establecementos.

A suba do IAE (Imposto de actividades Económicas) será dun 50%, segundo o mesmo informe, que salienta que a mesma non aumentaba dende 1992. Tamén aumenta a taxa por licenza de apertura de establecementos nun 10% que tampouco sufría modificacións dende 1992.

Terreos.

O Imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana (Plusvalías) que non se aumentaba dende 2004 auméntanse agora dun 2,60% ao 2,70%.

Lixo

O servizo de recollida de lixo, "cun contrato leonino e brutal para Nigrán asinado por outro goberno do PP", afirma González, aumentará de 72€ a 76€ (un 5,5%) para vivendas unifamiliares e unha media de 6% para demais establecementos.

Auga e saneamento

O Servizo de subministro de auga potable e saneamento, verase aumentado non 6,4% para o establecemento de conexión, pasando de 375€ a 399€ e a tarifa trimestral aumentará de 0,46 a 0,49 por cada m3 facturado.

Recollida de Vehículos na vía pública.

A Recollida de Vehículos da vía pública tamén verase incrementada nun 5,5% de media.

Cemiterios, documentos administrativos e outros.

Asemade, os socialistas informan que na reunión da comisión, o alcalde Alberto Valverde propuxo a suba das taxas por expedición de documentos administrativos, a taxa pola entrada de vehículos a través de beirarrúas, a taxa polo uso de locais municipais para celebración de matrimonios civís, a taxa pola ocupación do solo e o subsolo e "ata a taxa pola prestación de servizos nos cemiterios municipais, ata morrer en Nigrán vaille saír máis caro aos veciños, xa que a concesión por catro nicho pasará a custar nin máis nin menos que 4.515€ (ata agora 4.300€)."

"Dende o Partido Socialista pedímoslle que reflexione, que poña os pes no chan" declarou o concelleiro González que adiantou que o PSOE pedirá ao goberno municipal que retire" este sen sentido da orde do Pleno do próximo mes de outubro".